O Castro Tecnolóxico acolleu a visita dun grupo de estudiantes suecos da Universidade de Lund

grupo estudiantes Suecia

 

19/04/2018  Na tarde de onte un grupo de 59 estudantes e 4 docentes da Escola de Arquitectura da Universidade de Lund (Suecia) achegáronse a coñecer o Castro Técnolóxico. Unha visita enmarcada na viaxe formativa e didáctica que están a realizar por distintos puntos de Galicia e Portugal.

Foron recibidos polo edil de Turismo, Francisco Vilariño, que lles fixo entrega dun par de exemplares da publicación editada polo Concello de Lalín na que se recollen todos os pormenores tanto do proxecto como do proceso construtivo da casa consistorial.

O grupo estaba coordinado polo profesor Jesús Mateo, que desenvolve a súa labor docente no país escandinavo desde hai máis dunha década, e que xa coñecía o proxecto dos arquitectos Mansilla e Tuñon a través dos diferentes artigos que sobre o Castro Tecnolóxico están publicados en medios e publicacións especializados.

A visita alongouse preto de hora e media, nunha primeira parte guiada polo técnico de turismo e unha segunda parte de carácter libre na que aproveitaron para percorrer e fotografar os distintos espazos e singularidades arquitectónicas do edificio.

Unha vez rematada a visita ao concello, aproveitaron para achegarse tamén ao centro Castrodeza como complemento perfecto para coñecer o mundo castrexo que foi o que inspirou aos arquitectos Mansilla e Tuñón para a concepción do proxecto.