"Pedra e tempo" a nova publicación turística cun enfoque práctico e apoio dixital

rolda de prensa presentacion

 

21/04/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, acompañado dos técnicos de Turismo, José Luís Pájaro e José Antonio G. Sixto, presentaron unha nova ferramenta turística baseada na publicación dun novo folleto divulgativo, a través da que se seguen dando a coñecer as riquezas turísticas do concello de Lalín. A idea busca, desta volta, promover percorridos de diferente tipo por puntos de especial valor dentro do municipio, que se poden realizar, tal e como explicou o concelleiro, nunha mañá ou nunha tarde en coche ou en bicicleta. Esta iniciativa ten a dobre vertente de buscar, por un lado, o movemento e o consumo interno por parte dos propios lalinenses e por outro, atraer visitantes de fóra, ampliando a oferta turística e diversificando as posibilidades de Lalín para que sexa un destino visitable durante os 12 meses do ano.

Esta primeira publicación de “Percorridos” leva o título de “Pedra e tempo”, cunha tirada inicial de 10 mil exemplares. Ten un formato similar ás editadas anteriormente e propón un itinerario “a través dos anos” pola zona de A Veiga, Muimenta, Cadrón, Parada, Alperiz e Goiás, onde se pon de manifesto a relación que o ser humano tivo coa pedra dende o período megalítico até o pasado recente no que os canteiros traballaron para construír casas e outras edificacións. Deste xeito, a publicación guía o visitante por paisaxes de pradeiras delimitadas por muros e lousas, que teñen na gandaría e a agricultura a súa principal fonte de riqueza, achegándoo a desfrutar en primeira persoa de bens como o peto de ánimas da Veiga, o cruceiro e a igrexa desta parroquia, as Mámoas da Cruz, a Mámoa do Cruce, o altar do Sol, a aldea de Alperiz, o Sarcófago de Alperiz, a Ponte dos Cabalos, a aldea de Parada, ou a igrexa de San Miguel de Goiás, entre outros.

O visitante poderá descargar os contidos a través da web www.turismo.lalin.gal e como novidade incorporada nesta ocasión, poderá acceder dende calquera terminal dixital á app My Maps de Google e ir percorrendo de modo interactivo o mapa co percorrido e coa información dos diferentes puntos de interese polos que pasa.

portada pedra e tempo