O Paseo do Pontiñas xa conta con sinais nos accesos e con paneis informativos ao longo do paseo

panel informativo Paseo do Pontiñas

 

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, instalou diferentes sinais para marcar os principais puntos de acceso dende o casco urbano ao Paseo do Pontiñas e colocou, así mesmo, paneis informativos ao longo de todo o sendeiro fluvial. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, revisou esta mañá o resultado da disposición dos elementos informativos, que se acometeu grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra ao abeiro das subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.

Concretamente foron 17 os novos marcadores instalados. Destes, 10 teñen formato lateral e a función de marcar a dirección dos diferentes accesos ao paseo dende o casco urbano, mentres que os outros 7 son de maior tamaño e de contido informativo e divulgativo. Concretamente, a sinaléctica direccional instalouse no cruce dos cabalos, na rúa da Ponte, na Praza de Loriga, na coñecida popularmente como “rotonda de folla de bacalao”, na rúa Cabirtas, na zona verde próxima ao Centro Comercial Pontiñas, na glorieta das Queimadas, na esquina entre as rúas Ramón Aller e Observatorio, e na rotonda da rúa da Habana.

Por outra banda, os cartaces informativos están situados en puntos de especial interese dentro do paseo fluvial e informan sobre o mesmo coa presenza de planos e elementos gráficos xerais, que indican as distancias tanto a pé como polo “carril bici” entre distintas zonas do parque, así como doutros aspectos de interese de cada zona, incluindo a maiores contidos sobre, insectos, animais, vexetais e biodiversidade de ribeira. Estes paneis poden verse no espazo público recentemente humanizado no nº 52 da rúa Areal, na 1ª travesía da Ponte, na zona da avenida Xosé Cuíña, na rúa Regueiriño, na zona da depuradora e preto da lagoa da parte inferior do paseo.

Francisco Vilariño explicou que a iniciativa responde á aposta do Goberno local por dar a coñecer, dotar das máximas prestacións e manter nas mellores condicións un dos principais atractivos do casco urbano, como é o Paseo do Pontiñas, que cada día é empregado por centos de persoas no seu tempo de lecer. O concelleiro sinalou que a pesar da relevancia que ten este espazo natural para Lalín, tanto a sinalización dos accesos como a información xeral dentro do propio paseo era claramente deficitaria. “Porén”, apunta Vilariño, “con esta acción melloraramos o acceso á información dun dos atractivos de Lalín cun maior potencial turístico, por onde ademais discorre o Camiño de Inverno, facendo visible para os visitantes e para os propios lalinenses os seus principais puntos de acceso e facilitando contidos informativos que lles permitirán aos usuarios aumentar o seu desfrute do parque”. “En definitiva” -comenta o titular de Turismo- “buscamos que todo aquel que pise Lalín saiba que pode gozar dunha xoia natural dentro da vila e, ademais, outorgámoslle un valor engadido a un conxunto de enorme interese que tamén queremos converter nunha peza clave para a atracción de visitantes a Lalín”.