O Concello recuperará en xuño o material de Hilgen co obxectivo de expoñelo en Liñares

Paco Vilariño e Antonio Presas visitando a exposición de Hilgen

 

7/05/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, visitou acompañado do xeógrafo, Antonio Presas, o Museo da Minería da localidade cruceña de Fontao, onde permanece o material do xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen, en aras do convenio de cesión temporal asinado en 2012 entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces e que, tras expirar, permitirá que o material regrese a Lalín. Como explicou o propio Vilariño no transcurso da visita, “chegamos ao acordo de que na primeira semana se xuño todo o material estea de volta”. “Xa está acordado que esta semana comecen os traballos de embalaxe dos múltiples elementos para a súa entrega a comezos do mes que vén”, afirmou o titular de Turismo que, ao mesmo tempo, tamén apuntou que o Concello de Lalín “vai participar e estar presente na súa recollida para coordinar o proceso e ir inventariando as pezas, que teñen un enorme valor”.

A visita ao Museo da Minaría serviu como primeira toma de contacto entre a concellería e o legado de Jan Dirk Hilgen, e permitiu comprobar de primeira man o seu estado de conservación. O obxectivo do Concello de Lalín, tal e como explicou Francisco Vilariño, é o de custodialo no Pazo de Liñares, onde se vai proceder á súa clasificación e inventariado. “Debido á enorme cantidade de material” -subliñou- “este proceso vai levar varios meses, xa que se trata dunha tarefa que require de especial meticulosidade e dunha notable rigorosidade científica par poder facelo coa maior eficacia”. “A idea” -anunciou- “é que este traballo de meses sirva para crear unha exposición permanente no Pazo de Liñares, nunha sala que se acondicionará para albergar a mostra de xeito que se perciba o seu inmenso valor e, a maiores, para que o material poida ser consultado con carácter científico”.

Francisco Vilariño agradeceu profundamente a colaboración de Antonio Presas neste proceso, e puxo en valor a importancia de poder contar cunha persoa experta na materia e coñecedora da figura de Hilgen, como é o xeógrafo lalinense, á hora de poder xestionar o seu legado.

O material de Jan Dirk Hilgen chegou a Lalín no ano 2008 por expreso desexo do xeólogo falecido en 2004 e por decisión final da súa dona. Hilgen foi un investigador namorado da Galicia occidental e, sobre todo, da Serra do Candán, motivo que lle levou a manter un forte vínculo con Lalín e a forxar grandes amizades nesta vila. Foi un dos maiores expertos do mundo no estudo do ciclo oroxénico herciniano, que abarca toda Galicia. A colección de material de Jan Dirk Hingel ten un enorme valor, polo que é precisa a súa protección, conservación e posta en valor. Está formada por análises químicos, apuntes, diarios, diversas tipoloxías de rocas, cadernos, correspondencia epistolar, diapositivas, negativos, material bibliográfico, fotografías, teses, mapas, microscopios e un longo etc.