Lalín comeza a recibir o material do xeólogo Jan Dirk Hilgen

Chegada a Liñares do material de Hilgen

 

10/05/2018 Onte pola tarde, tal e como estaba previsto, comezaron a chegar ao Pazo de Liñares as primeiras caixas procedentes do Museo da Minería de Fontao co material do xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen, que regresa a Lalín tras expirar o convenio de cesión temporal asinado en 2012 entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e o xeógrafo, Antonio Presas, estiveron presentes nesta primeira entrega co obxectivo de ir coordinando o proceso e facilitar o inventariando das pezas, que teñen un enorme valor. O propio Antonio Presas tamén estivo en Fontao pola mañá coordinando a clasificación do material para o seu traslado.

Vilariño explicou que as caixas recibidas conteñen maioritariamente material bibliográfico, aínda que tamén chegaron outros elementos científicos e de uso habitual por parte de Hilgen, como microscopios e outras ferramentas empregadas en xeoloxía, ademais dalgúns materiais pétreos.

O titular de Turismo lembrou que as pezas serán custodiadas no Pazo de Liñares, onde se vai proceder á súa clasificación e inventariado. Debido á enorme cantidade de material informou de que este proceso vai levar varios meses, xa que se trata dunha tarefa que require de especial meticulosidade e dunha notable rigorosidade científica par poder facelo coa maior eficacia. A idea -recordou- é a de crear unha exposición permanente no Pazo de Liñares, nunha sala que se acondicionará para albergar a mostra de xeito que se perciba o seu inmenso valor e, a maiores, para que o material poida ser consultado con carácter científico.