Francisco Vilariño mostra o apoio municipal á nova campaña de escavacións en Doade e destaca o valor turístico deste xacemento

Visita campaña excavación castro doade 2018

 

23/05/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, visitou onte pola tarde xunto co director do Museo Etnográfico Casa do Patrón, Manuel Blanco, o inicio da nova campaña de escavacións no castro de Doade, que se reanudaron a mediados de mes e que se van desenvolver ata o próximo día 5 de xuño por parte de arqueólogos profesionais e de bolseiros estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O edil expresou durante a visita todo o apoio por parte do Concello de Lalín a esta iniciativa que dá continuidade ás prospeccións iniciadas en anos anteriores, que xa deron como resultado a descuberta dunha vivenda castrexa, dunha parte moi importante da muralla e de máis de 17 mil pezas de material arqueolóxico de gran valor. Vilariño tamén agradeceu o esforzo e a implicación do Museo Etnográfico Casa do Patrón para poñer en marcha cada primavera novas exploracións no castro que non só permiten seguir divulgando a nosa riqueza histórico-cultural, senón que serven para converten a zona nun dos principais atractivos turísticos do municipio.

Nesta liña, o titular de turismo fixo fincapé “na importancia deste xacemento como recurso turístico de primeira orde para o noso concello”, destacando que “cada ano é máis visitado e sen dúbida xa é un dos maiores referentes turísticos patrimoniais de Lalín”. Así mesmo destacou que as novas escavacións que se van levar a cabo neste espazo e que van afectar a zonas nas que aínda non se actuou, prometen dar grandes resultados e outorgaranlle aínda máis valor a un conxunto que xa é de enorme interese e que se converteu nunha das pezas clave para a atracción de visitantes a Lalín”.

Finalmente e referíndose en cuestión máis técnicas, o edil resaltou que a presente actuación “incrementará aínda máis o valor dun dos xacementos máis atractivos do interior do país debido á súa relevancia arqueolóxica”. “Os traballos, que levan moi bo ritmo” -indicou- “tratarán de sacar á luz un elemento tan relevante nun castro como os foxos defensivos e grazas a eles poderemos seguir descubrindo o modo de vida dos nosos antepasados e saber moito máis sobre eles, avanzando polo tanto como sociedade”.