A segunda edición de “Lalín con gusto” contará cunha programación singular e única para seguir promocionando os produtos de calidade e o enorme valor da cociña e hostalería lalinense

rolda de prensa presentacion lalín con gusto

 

28/05/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño -acompañado dos restauradores e dietistas participantes- presentou o programa da segunda edición do evento “Lalín con gusto”, unha iniciativa que naceu o ano pasado co obxectivo de promocionar o produto e a cociña de calidade, poñer en valor o enorme talento dos restauradores locais e diversificar a oferta turística do municipio. Con esta base, Vilariño explicou que programa deste ano que cambia substancialmente o enfoque para ampliar as súas temáticas e acadar, desta maneira, o gran salto cuantitativo e cualitativo que fará que este evento sexa “non só singular, senón único”.

Como principais novidades este ano, “Lalín con gusto” amplía a súa programación ao domingo pola tarde con actividades para nenas e nenos, que terán a oportunidade de desfrutar dun taller infantil relacionado coa gastronomía e dun concerto de “Mamá Cabra”, co seu último traballo “Eu cociño, ti cociñas?”. Tamén se incorporan dous novos valores, como son os dietistas Vanesa Taboada e Máximo Gioiello, “que encaixan á perfección co concepto de Lalín con gusto”. De maneira complementaria, tamén haberá unha aposta importante por actividades lúdicas, con actuacións que farán moito máis atractivo o evento. Así, o sábado ao mediodía actuará “Nós” e xa pola noite haberá un concerto acústico de “Sés”, unha iniciativa “moi potente que situara o evento moito máis alá do concello de Lalín, falando en termos de repercusión”. Con respecto á infraestrutura, tamén haberá unha ampliación e mellora da carpa e do mobiliario que se vai instalar para o desenvolvemento do “Lalín con gusto”, e que estará adaptada ao aumento da oferta deste ano. Ademais dos cociñeiros e restauradores que participaron na primeira edición, este ano o evento tamén contará con Pepe Solla como cociñeiro convidado.

Tras agraceder a enorme implicación e o esforzo exemplar demostrado polos participantes na primeira edición -e que tivo o seu recoñecemento coa concesión do premio “Lalinense do ano”, na categoría de colectivo- Francisco Vilariño resaltou que “moi poucos concellos poden facer algo así, precisamente porque se conta coa base dos cociñeiros e hosteleiros que participan para asentar a iniciativa”. O edil tamén salientou que o Goberno municipal está a realizar un investimento histórico para promocionar os valores gastronómicos de Lalín, con iniciativas como esta, que tamén diversifican a oferta turística e potencian os enormes atractivos de Lalín. “Para nós”, indicou Vilariño, “o Cocido é moi importante, pero Lalín é moito máis que iso, ten moito máis talento, o que nos permite presentar un programa no que diversificamos a variada oferta de cociña que temos e nos permitirá difundir a boa imaxe do noso municipio”.