Lalín impulsa o Metrominuto para dinamizar a mobilidade urbana e facilitar as visitas

supervisando panel instalado

 

29/05/2018 O Concello de Lalín vén de editar unha serie de planos de carácter esquemático do casco urbano e dos seus arredores, que miden as distancias entre varios puntos de interese e os tempos medios que unha persoa tarda a pé en desprazarse entre eles. Como explicou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, esta iniciativa pretende, por un lado, facilitar as visitas á cabeceira do municipio e, por outro, dinamizar a mobilidade urbana. Na mesma liña se pronunciou o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, quen indicou que ademais de constituír un elemento promocional dos recursos da vila, este proxecto busca introducir o hábito de camiñar valorizando os desprazamentos a pé saudables no casco urbano e os arredores.

O mapa ten como punto central o Km 0 coas distancias entre os distintos elementos marcadas en diferentes cores e sinaladas en metros e tempo. Ademais, existen liñas dunha soa cor que unen varios puntos e que indican a distancia máis longa coas calorías gastadas na realización do percorrido. As distancias en tempo están calculadas para unha velocidade de 5 km/h cun peso aproximado de 70 kg para a persoa.

Entre as localizacións de importancia dentro do casco urbano que marca o mapa destacan o Museo Municipal, o Auditorio e o seu parque, a Praza de Abastos, a igrexa parroquial, a Biblioteca Municipal, os centros comerciais, a Fraga de Catasós, a Carballeira do Rodo, o Polígono Lalín 2000, a área de autocaravanas, a Oficina Municipal de Turismo, o paseo do Pontiñas, ou o Camiño de Inverno, entre outros.

Os planos foron colocados no día de onte pola brigada de obras e poden verse pola vila en diferentes localizacións e formatos. Un sitúase na lona multifuncional do Kilómetro 0, outros dous no Lalín Arena e na Oficina de turismo, mentres que foron instalados soportes con poste de madeira no campo da feira vello, na avenida Luís González Taboada, na área de autocaravanas, na zona do Regueiriño e na entrada ao parque da casa da xuventude.

Esta nova proposta municipal -sinalaron Vilariño e Casares- invita ao cidadán a camiñar e a aparcar o coche. “Pretendemos que a xente perda o hábito de intentar aparcar diante da porta, porque en moitas ocasións isto faite perder o tempo e a paciencia, mentres está comprobado que nunha vila coma Lalín camiñar e a fórmula máis eficaz para aforrar tempo”, sinalaron. Así, o metrominuto ten como obxectivo fundamental introducir unha maior cultura de camiñar, o que repercutirá positivamente na saúde poboacional ao reducírense fumes e ruídos, ao tempo que se mellora o benestar, a seguridade viaria e se incentiva o coñecemento de Lalín tanto por parte dos visitantes como dos propios veciños.

Os concelleiros de Turismo e Urbanismo puxeron como exemplo que dende os espazos de estacionamento público habilitados no campo da feira ou no párking Aldea Grande -que suman en total unhas 500 prazas gratuítas- non leva máis de 15 minutos desprazarse a calquera punto do casco urbano, mentres que desprazarse desde estas mesmas zonas de aparcamento aos servizos máis concorridos (estación de autobuses, centro de saúde, biblioteca, xulgados, concello, Lalín Arena etc.) lévalle ao peón entre 5 e 10 minutos. Ademais, achegarse a pé ás zonas peonís do centro tanto dende Aldea Grande como dende o campo da feira, apenas supón empregar 2 minutos. O metrominuto tamén pon de manifesto que puntos que no imaxinario dos lalinenses semellan estar afastados como a igrexa de Donramiro ou os centros comerciais Pontiñas e Deza, se atopan apenas a 15 minutos andando dende o centro da vila.

Os concelleiros sinalaron finalmente que o proxecto vai na liña das políticas do Goberno local para fomentar unha mobilidade urbana sostible na que as zonas públicas e as actuacións están pensadas en beneficio das persoas persoas, que teñen teñen prioridade por encima dos coches.