"Éxito rotundo" de Lalín con gusto

Balance Lalín con gusto

 

21/06/2018 O titular de Turismo cualificou esta segunda edición de Lalín con Gusto como “un éxito rotundo” e non só polas enorme cantidade de persoas que desfrutou das sesións de cociña en vivo e das degustacións e actividades lúdicas, senón fundamentalmente “porque se conseguiron cumprir todos os obxectivos plantexados, en particular o de difundir e poñer en valor a gastronomía lalinense e os nosos produtos de primeira calidade”. Vilariño tamén destacou a enorme aceptación que tiveron as novidades introducidas esta ano, tales como o obradoiro infantil coa participación de persoal experto en nutrición, os concertos de Nós, Sés e Mamá Cabra e incluso a retransmisión en streamig “que permitiu levar o evento máis aló das nosas fronteiras” ou a mellora do mobiliario e a decoración.

O concelleiro lembrou que Lalín con Gusto “é unha iniciativa única e cunhas características moi particulares que poucos concellos poden afrontar pero que podemos desenvolver en Lalín grazas á enorme materia de profesionais do sector coa que contamos, que son os verdadeiros responsables de que isto dea os magníficos resultados que dá”. Francisco Vilariño agradeceu profundamente a colaboración de todos e todas as profesionais que colaboraron de forma desinteresada, así como a técnica municipal, Loli García. Finalmente explicou que “Lalín con Gusto xa é un evento plenamente afianzado e consolidado, que satisfai a todos e todas as lalinenses de moi diversas idades, polo que – anunciou - “non fai falla explicar que vai ter continuidade nos próximos anos e dende xa nos imos poñer a traballar na terceira edición”.

Pola súa banda, os profesionais que acompañaron o concelleiro, Diego López Dapena (Escola de Hostelería de Sober), Ana Buján (Restaurante Asturiano), Vanesa Taboada (experta en alimentación e nutrición), Xan Rodríguez (Taberna A Lareira), Xaime López (Café Bar Kubos) e Patricia Galego (Bodegón A Cunca), destacaron “o enorme interese que desperta na cidadanía este evento, que cada ano vai en aumento” e salientaron “o gran valor que garda no aspecto promocional e para poñer en valor e dar a coñecer a nosa gastronomía, os produtos de calidade, a nutrición e a restauración como elementos fundamentais para o crecemento económico e social de Lalín”.