Presentado o novo mapa dixital de recursos patrimoniais do Concello de Lalín.

Presentación mapa dixital de recursos patrimoniais

 

28/06/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou na mañá de onte, acompañado dos auxiliares municipais de Turismo, Nuria Álvarez e Martín Riádigos, o novo mapa dixital de recursos patrimoniais do concello de Lalín. Trátase dunha ferramenta creada a través de “Google Maps” que dende hoxe é accesible de maneira totalmente libre e gratuíta facendo uso de calquera soporte informático ou dispositivo móbil con conexión a internet.

O mapa está elaborado en base ao inventario municipal de patrimonio etnográfico e turístico elaborado polo concello o ano pasado e pretende darlle valor aos múltiples elementos patrimoniais presentes en Lalín ao tempo que os localiza e os describe facilitando, polo tanto, o seu desfrute á hora de visitalos.

Francisco Vilariño explicou que “agora mesmo non coñecemos ningún outro concello que teña este tipo de ferramenta”. O edil sinalou que o mapa rexistra 1.176 elementos contabilizados actualmente e clasificados en diferentes categorías, entre os que se atopan:

Arquitectura civil: pazos (17) casas e casais (69) outros (6).

Bens relixiosos: Igrexas e capelas (70) petos de ánimas (1) cruceiros (41).

Castros mámoas e petroglifos: castros (31) mámoas e sartegos (42) petroglifos (11).

Esculturas (30).

Miradoiros, áreas de lecer e áreas naturais (31) e outros (11).

Muíños, hórreos e alvarizas: muíños (9), hórreos (774), alvarizas (24) -faltan elementos por rexistrar-.

Pontes, fervenzas e fontes: pontes (8), fontes (9) e fervenzas (2).

Vilariño sinalou que con esta iniciativa o concello se dota dunha fantástica ferramenta para dar a coñecer o noso patrimonio e para que calquera persoa -tanto de Lalín como de fóra- poida organizarse para realizar unha visita sinxela e completa ao noso concello. Finalmente o concelleiro puxo de relevo o traballo que está realizando o goberno de Lalín para darse a coñecer tamén a través das redes e de internet como plataforma imprescindible na actualidade para a promoción turística.