A segunda edición de "Lalín con gusto" permite recadar máis de 1.750 euros para Aranes

Concelleiro de turismo coa directiva de Aranes

 

29/06/2018 A segunda edición de Lalín con gusto organizada pola concellería de Turismo do Concello de Lalín e celebrada os días 16 e 17 de xuño, serviu para que a Asociación de Rapaces e Amigos con Necesidades Especiais (ARANES) recádase 1.751,30 euros. Esta cantidade económica – como explicou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño – foi conseguida para esta organización social ao cederlle a concellería de Turismo a xestión e os beneficios íntegros da barra do bar instalada no evento, que tivo unha gran afluencia durante a fin de semana. Como apunta o edil, “esta iniciativa foi posta en marcha ao comprobar que Lalín con Gusto, debido ao seu gran alcance, é unha actividade da que tamén se pode extraer un aproveitamento social”. “Deste xeito” -explica- “decidimos aproveitar o evento para recadar fondos con fins solidarios ao efecto de destinalos a unha asociación sen ánimo de lucro do municipio e así colaborar no cumprimento de accións sociais, unha das prioridades do Goberno local”.

O concelleiro recibiu no concello ao presidente de Aranes, Pablo Carrón, e a membros da directiva para facerlles a entrega simbólica do donativo. O propio Carrón mostrouse moi agradecido tanto persoalmente como en nome da asociación co concelleiro de Turismo, destacando que se trata dunha cantidade económica moi importante que permitirá seguir desenvolvendo o traballo do día a día nunha organización que atende a moitos menores con diversidade funcional e que conta con servizos de psicoloxía e fisioterapia que esta iniciativa solidaria do Concello axudará a financiar e a manter.

Esta iniciativa social posta en marcha pola concellería de Turismo súmase a outras medidas de apoio do Concello a Aranes como a celebración do cocido solidario 2016 no seu beneficio, ou a concesión de axudas económicas importantes en base ás subvencións municipais a entidades do eido dos servizos sociais.