Lalín promociónase como destino estival a través dunha campaña turística protagonizada por unha orixinal fotografía en Pozo do Boi

balado coa fotografia do Pozo do Boi

 

12/07/2018 O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, presentou unha nova proposta enmarcada dentro das campañas municipais de promoción turística para o verán. A iniciativa compleméntase coa intensa actividade divulgativa que se vai levar a cabo en diferentes vilas e cidades costeiras durante as próximas semanas e busca -como indica o concelleiro, Francisco Vilariño,- “atraer visitantes durante esta época do ano, pois non me cansarei de dicir que Lalín é un destino con magníficos recursos e alternativas para desfrutar os 12 meses”. “Deste modo” -engade- “apostouse pola innovación e por activar unha campaña cun potente tinte de orixinalidade e desenfado para obter o maior impacto e, en definitiva, chegar ao maior número de persoas co obxectivo de que nos visiten e se xere riqueza no noso municipio”.

Así, esta nova iniciativa promocional ten como protagonista a praia fluvial de Pozo do Boi, situada na parroquia de Vilatuxe e un dos mais importantes atractivos do municipio durante a época estival. O espazo móstrase a través dunha fotografía que captura o momento preciso no que un mozo e unha moza collidos da man e espidos se guindan ás augas do río Deza nunha escena extrovertida e espontánea que tamén transmite o sosego e o encanto deste espazo natural. Francisco Vilariño recoñece que se trata dunha campaña “de impacto” e que “non vai deixar indiferente a ninguén, mais conseguir que mediante esta estética se xere un enérxico reclamo foi o noso obxectivo dende o momento no que na concellería de Turismo ideamos esta proposta promocional, que tamén servirá para poñer en valor a espectacular paraxe de Pozo do Boi, unha alternativa de ocio inmellorable nos días de calor”.

Esta campaña vai ter difusión durante todo o verán a través de internet e das redes sociais, así como en soportes gráficos tanto en papel como en valados publicitarios que se colocarán en Lalín, en localidades próximas e en varias vilas e cidades do país.