Comeza en Zobra o "II Seminario de apicultura ecolóxica e turismo" posto en marcha polo Concello de Lalín

Presentación seminario de apicultura ecolóxica e turismo

 

24/08/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, participou onte pola tarde na parroquia de Zobra no acto de presentación do II Seminario de Apicultura Ecolóxica e Turismo, posto en marcha polo concello de Lalín a través da concellería de Turismo. Esta iniciativa celebrarase entre o xoves 23 e o domingo 26 de agosto, cun total de catro días destinados a seguir potenciando o noso municipio como destino turístico e poñendo en valor o seu patrimonio e riqueza meleira. Esta segunda adición volveu ser un éxito en canto a acollida, pois cubríronse as 30 prazas ofertadas. Este ano, como novidade, o seminario contará ademais cun bloque temático relacionado coa biodiversidade e o medio ambiente, onde se falará arredor da problemática actual de conservación dos espazos naturais, os seus usos sustentables, as poboacións silvestres de polinizadores e a práctica dunha apicultura respectuosa cos valores de conservación do patrimonio ecolóxico da Rede Natura 2000.

No acto de presentación, que tivo lugar nas Casas das Minas de Zobra, o concelleiro de Turismo salientou que o mel e todo ao vinculado aos eu patrimonio e produción, ademais dunha mostra da enorme calidade dos nosos produtos, constitúe, un valor que debemos aproveitar como carta de presentación alén das nosas fronteiras e que sitúa a Lalín no mapa e permite xerar riqueza. A celebración deste evento permité tamén avanzar na clara aposta do Concello de Lalín polo turismo apícola tras a primeira edición deste evento e tamén da publicación da guía sobre produción historia e patrimonio relacionado coa cultura do mel, “un dos eixos da estratexia para diversificar o enorme potencial turístico que ten o Concello”.

O seminario organízase en colaboración coas empresas meleiras asentadas en Lalín e coa Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa”. contará con catro bloques diferenciados: o primeiro estará referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas, Apis mellifera L., e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo estará relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan.

O terceiro, de marcado carácter práctico, versará sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén tratará cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas. Por último, o cuarto, centrarase na biodiversidade e a problemática actual de conservación dos espazos naturais.