Éxito total do "II Seminario de apicultura ecolóxica e turismo" clausurado onte en Zobra

Clausura seminario turismo apícola

 

27/08/2018 Na tarde de onte finalizou o  segundo seminario de apicultura ecolóxica e turismo posto en marcha polo Concello, que tivo lugar en Zobra durante as últimas 4 xornadas. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño participou no acto de clausura e entrega dos correspondentes diplomas acreditativos aos asistentes. O edil volveu remarcar o éxito total desta actividade, tanto a nivel de participación como de contidos, dando boa mostra do atractivo, da proxección e da repercusión dunha proposta que, sen lugar a dúbidas, vai contribuír de maneira decisiva a “acadarmos ese obxectivo que nos marcabamos cando decidimos poñer en marcha o seminario: potenciar o noso municipio como destino turístico poñendo en valor o seu patrimonio apícola e riqueza meleira”.

Francisco Vilariño fixo fincapé no peche do seminario en que o mel e todo ao vinculado ao seu patrimonio son unha mostra da enorme calidade dos nosos produtos”, e, polo tanto, “un valor que debemos aproveitar como carta de presentación alén das nosas fronteiras e que sitúa a Lalín no mapa”.

Este ano, como novidade, o seminario contou cun bloque temático relacionado coa biodiversidade e o medio ambiente, onde se falou da problemática actual de conservación dos espazos naturais, os seus usos sustentables, as poboacións silvestres de polinizadores e a práctica dunha apicultura respectuosa cos valores de conservación do patrimonio ecolóxico da Rede Natura 2000.

O seminario organízouse en colaboración coas empresas meleiras asentadas en Lalín e coa Sociedade Agraria de Transformación “Abella Lupa”. Contou con catro bloques diferenciados: o primeiro referido á formación e aprendizaxe no manexo das abellas e das colmeas en produción ecolóxica, ademais dos requisitos legais para a certificación da devandita produción. O segundo relacionado co achegamento, identificación e orixes do patrimonio apícola dos montes de Zobra e da Serra do Candán, ademais de no deseño de propostas de promoción turística vinculadas ás explotacións apícolas, ao patrimonio e á paisaxe na que se asentan.

O terceiro, de marcado carácter práctico, versou sobre as técnicas de manexo de colmeas e apiarios e o deseño de centros de extracción e envasado con certificación ecolóxica. Tamén se trataron cuestións como a comunicación e deseño de itinerarios turísticos apícolas. Por último, o cuarto, centrouse na biodiversidade e a problemática actual de conservación dos espazos naturais.