O Pazo de Liñares acollerá este venres un concerto de "Eladio y los seres queridos"

Francisco Vilariño e Eladio Santos

 

5/09/2018 O grupo "Eladio y los seres queridos" vai ofrecer un concerto o vindeiro venres 7 de setembro, ás 21.00 horas, no Pazo de Liñares . O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño indica que esta iniciativa se enmarca dentro das actividades de promoción e difusión "dun dos nosos edificios máis emblemáticos e un dos nosos grandes atractivos turísticos".

Nesta liña recorda que dende hai tres anos, a concellería está a "iniciar o curso cunha actuación potente e adaptada ao Pazo de Liñares, unha xoia arquitectónica que está a aumentar exponencialmente os seus visitantes e na que o Goberno está facendo unha aposta decidida por dotalo de contidos". Lembrou que a primeira proposta fora a actuación da a Orquestra Galega de Cámara, que o ano pasado foran Uxía Senlle e a Banda Xuvenil de Lalín e que este ano, noutro estilo, pero sempre de calidade, chega "Eladio y los seres queridos". Trátase, para Vilariño, dunha formación que reune as condicións idóneas para adaptar o seu espectáculo ao Pazo de Liñares e acadar o obxectivo de que o público se achegue a presenciar o seu concerto. O concerto será de balde, e en caso de bo tempo realizarase na zona exterior de Liñares. Por último Francisco Vilariño agradece a receptividade e boa disposición de Eladio y los seres queridos a colaborar co Concello nunha proposta que, sen lugar a dúbidas, vai ser un éxito dende todas as perspectivas.

Pola súa banda, o lider da formación, Eladio Santos amosase encantado de poder realizar este concerto en Lalín, unha vila que para el ten moito de simbólico pola súa centralidade xeográfica. Canto ao espectáculo, recordou que ogrupo xa ten unha traxectoria longa -de case 14 anos- e que a actuación será un resumo de todos os seus discos. Lembra, en calquera caso, que dende hai un par de anos abriuse unha nova etapa dentro da traxectoria do grupo, marcada pola galeguidade nas súas composicións. Afirma que o seu amplo repertorio lles vai permitir facer un concerto moi entretido e no que "talvez tomaremos decisión sobre a marcha con respecto aos temas que se toquen".