Lalín demanda a súa inclusión nos Trens Turísticos promovidos por Turismo de Galicia

tren turístico

 

5/09/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, ven de remitir unha carta a Nava Castro, Directora da Axencia Turismo de Galicia, solicitando a inclusión de Lalín na iniciativa dos "Trens turísticos de Galicia", posta en marcha pola Axencia no ano 2013 e que na actualidade conta con 12 itinerarios ao longo do territorio galego, pero que ningún deles inclúe ao noso municipio.

Con todo, e malia dispoñer dunha enorme cantidade de recursos e atractivos para visitar ao longo de todo o ano, o Concello de Lalín non está incluído en ningunha das alternativas actuais. Trátase dun feito que dende o punto de vista do concelleiro Paco Vilariño supón un considerable agravio para un municipio cun potencial turístico tan importante coma o noso e que sen lugar a dúbidas permitiría enriquecer de maneira substancial as diferentes opcións que ofrece o proxecto. Abonde sinalar, neste sentido, que das dúas rutas que pasan pola comarca do Deza -a dos Pazos e a dos Mosteiros- ningunha delas fai parada en Lalín. Óbviase deste xeito un concello que ofrece alternativas para o visitante á altura de calquera outro municipio galego e, xa que logo, máis que xustificadas para ser incluído dentro do proxecto dos Trens Turísticos.

Esta circunstancia resulta aínda máis incomprensible se se ten en conta que Lalín posúe todas as características para contar incluso cunha ruta propia e específica dentro desta iniciativa. A súa posta en marcha permitiría revitalizar e dinamizar unha estación de tren cada vez máis en desuso, ao tempo que se ofrece unha ampla e interesante oferta turística para os visitantes. Así, facer parada en Lalín permitiría aos usuarios dos Trens Turísticos coñecer de preto puntos do noso municipio como o Pazo de Liñares, o Castro Tecnolóxico, a Fraga de Catasós ou o Museo Casa do Patrón (que se atopa a tan só 10 minutos da estación ferroviaria), entre outros moitos atractivos e recursos.

É por iso polo que o Concello de Lalín solicita que a Axencia Turismo de Galicia contemple e active no menor prazo de tempo posible unha ruta específica dentro dos Trens Turísticos que teña como destino Lalín, no convencemento de que a posta en marcha desta proposta permitirá incrementar de maneira notable o número de visitantes que se achegan non só a Lalín, senón a Galicia, grazas a unha ampla e diversa oferta que se axusta plenamente á filosofía dos Trens Turísticos.