Presentase o programa "Autoras. Ciclo de Mulleres Creativas" que se desenvolverá no Pazo de Liñares

presentacion autoras

 

13/09/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou o programa "Autoras. Ciclo de Mulleres Creativas", que se vai desenvolver os derradeiros venres de cada mes (entre setembro e decembro) no Pazo de Liñares. Tal e como explicou Francisco Vilariño trátase de máis unha iniciativa para poñer en valor o enorme potencial que ten o Pazo de Liñares, unha das grandes xoias arquitectónicas do concello de Lalín, como polo de atracción de visitantes. Ao mesmo tempo, e de maneira específica, tamén se visibiliza o importantísimo papel da muller no eido cultural e creativo de Galicia. Con esta filosofía artellouse un completo e variado programa coa muller como epicentro e con vocación de continuidade e que ofrece diversas propostas nas que se conxuga a musica, as performances e as artes escénicas.

O ciclo iniciarase o día 28 de setembro coa actuación de Najla Shami e, en citas sucesivas, traerá a Lalín a Voodoo, Ugia Pedreira & Marina Oural e Iria Sobrado - O estado cru. O concelleiro de Turismo indicou que desta maneira darase un salto cualitativo con respecto á programación que de maneira máis puntual se viña realizando ata o de agora en Liñares. Na comparecencia ante os medios tamén participou a primeira artista convidada Najla Shami, quen ademais de expresar a súa satisfacción por ter a oportunidade de actuar en Liñares tamén se amosou moi contenta de formar parte dun ciclo que promove o traballo creativo e lle dá visibilidade ás mulleres.

Este ciclo súmase a outras medidas postas en marcha polo Goberno e que nos dous últimos anos permitiron incrementar nun 60 por cento o número de persoas que se achegaron a esta casa solariega. Nesta liña, enfatizou que esta aposta clara por converter a Liñares nun referente concretouse en diferentes actuacións que non só propiciaron melloras no que se refrie aos seus contidos, cun novo estacionamento ou dúas novas salas de exposicións, senón tamén en canto a contidos e programación. O ciclo de Mulleres Creativas desenvolverase os derradeiros venres de cada mes, ás 20.30, no Pazo de Liñares, con entrada de balde.