As instalacións municipais de Lalín acolleron a 1.071 peregrinos durante este verán

Vilariño sauda ao traballador do pavillón municipal

 

18/09/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, avanzou onte que as instalacións municipais de Lalín acolleron un total de 1.071 peregrinos durante o período de xuño, xullo, agosto. Estas persoas foron albergadas nas dependencias do pavillón municipal, que conta co espazo axeitado para que grupos numerosos poidan pasar a noite de xeito confortable no seu traxecto a Compostela. O edil mostrou a súa satisfacción con este dato, pois, como explicou, supón un “significativo aumento” con respecto ao mesmo período do ano pasado cando as pernoctacións no polideportivo xa alcanzaran unha cifra récord de 900 persoas. Son, polo tanto, un 19% máis os romeiros que chegaron a Lalín este ano e fixeron uso do pavillón, o que supón un novo máximo histórico para esta infraestrutura e que avanza outro verán de récord de afluencia de peregrinos unha vez se contabilicen os rexistrados noutros aloxamentos de Lalín. A procedencia, como cada verán, é dispar, recibindo visitantes españois, cataláns, portugueses, franceses ou italianos.

O concelleiro de Turismo realizou na tarde de onte unha visita ao pavillón municipal onde pernoctaron as decenas de romeiros chegados a Lalín este verán e aproveitou para mostrarlle o seu agradecemento persoal a Julio Taboada, o empregado municipal encargado da instalación polo seu excelente labor na xestión dos aloxamentos e na atención aos visitantes, “o que fai que todos eles se marchen cun excelente sabor de boca da nosa vila”.

Francisco Vilariño ligou estas cifras “novamente tan positivas”, entre outros factores, “aos esforzos da concellería para poñer valor e dar a coñecer os camiños de Santiago que atravesan Lalín”. Nesta liña lembrou que o Goberno vén traballando con intensidade dende comezo do mandato para potenciar o turismo en base ás rutas xacobeas “porque o noso concello non é só Cocido e ten moitas posibilidades tamén en torno aos camiños de Santiago, que son un elemento dinamizador do turismo, a cultura e o patrimonio”. “Os bos resultados deste esforzo son palpables”, engadiu, “pois dende a entrada deste Goberno, a cifra de romeiros no polideportivo foi crecendo constantemente e pasou de 673 en 2015 a 1.021 este verán”.

Entre as iniciativas do Concello de Lalín para a potenciación do turismo xacobeo, Vilariño lembrou a publicación de material informativo en varios idiomas sobre os camiños de Santiago, ou o traballo para impulsar o Camiño de Inverno mediante, por exemplo, a colocación de sinaléctica. Finalmente fixo referencia a que os esforzos do Goberno para seguir atraendo peregrinos continuarán con diferentes iniciativas, entre as que se atopa o proxecto para crear un albergue no centro da vila.