“Auga e mel” propón un itinerario práctico e inesquecible polas paraxes da Serra do Candán

FOTO PRESENTANDO A PUBLICACIÓN

 

28/09/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou hoxe a segunda publicación turística da serie “percorridos”, que neste caso sae á luz baixo o título de “Auga e mel” e propón un itinerario inesquecible polas paisaxes, aldeas e recursos de interese da Serra do Candán, un dos tesouros naturais máis importantes de Lalín e do interior de Galicia. O concelleiro explicou que tras a publicación e o éxito do primeiro percorrido, “Pedra e tempo”, “dende a concellería de Turismo seguimos con esta iniciativa trasladando o protagonismo ao Candán, cunha ruta de 34 quilómetros para facer sen présas en coche ou en bicicleta, que se pode completar en media xornada e coa que queremos seguir poñendo en valor os múltiples atractivos do municipio”.

A publicación colle o seu nome -por unha banda- da gran cantidade de auga que escorre polo Candán, unha paisaxe de montaña formada por vales e cumios onde abondan os regatos e os ríos, entre eles o Deza, que dá nome á comarca, e que se alternan cunha gama de cores que varia ao ritmo das estacións facendo que a experiencia do visitante nunca sexa a mesma. Por outra, o turista observará multitude de construcións senlleiras que reflicten a adaptación dos habitantes desta zona ao duro medio. Neste aspecto destacan en especial as alvarizas, das que o Candán conserva a maior concentración do noroeste peninsular. Son fermosas testemuñas de séculos de tradición apícola que aínda se conserva e que completa o título da publicación.

Esta segunda guía estrease cunha tirada de 10 mil exemplares que serán repartidos polos establecementos e puntos de alcance turístico. O seu formato é moi similar ao das editadas anteriormente. Nelas prima o aspecto didáctico e gráfico, de modo que combinan múltiples fotografías de gran calidade dos principais atractivos da zona con explicacións claras e sinxelas sobre os mesmos. En concreto, a ruta propón visitas a valores como Os Carballiños e o seu carballo, o Casal de Chedas, Zobra, o mel de Zobra, a alvariza de Acevedo, A Trigueira, a Casa das Minas, o Miradoiro de Cabana, a Central das minas, o antigo polvorín, a Chapacuña de Ramiro, Valxanín, Moa ou Pozo do Boi. Pero a guía, por enriba de todo, ten un enfoque práctico polo que recolle varios consellos para desfrutar ao máximo da experiencia e un mapa do percorrido. Todo o contido se pode descargar libremente da rede na sección multimedia da web  de Turismo de Lalín ou do código QR impreso no folleto mediante calquera dispositivo móbil. A gran novidade tamén radica en que a información aparecerá referenciada en formato KML compatible con Google Earth e My Maps, de maneira que os contidos aparecen xeolocalizados e se poderá realizar unha visita interactiva ou, por exemplo, trazar un desprazamento entre un atractivo e outro a través do teléfono móbil.

Francisco Vilariño amosou os agradecementos e destacou o gran labor dos técnicos de Turismo que colaboraron na publicación, en concreto de Xosé Luís Pájaro, que traballou especialmente na proposta e que hoxe tamén participou na presentación. O concelleiro fixo fincapé no esforzo que continúa realizando a concellería de Turismo do Concello de Lalín “na publicación de material divulgativo que dea a coñecer o municipio para atraer visitante e xerar riqueza, que antes non existía”. Finalmente explicou que “esta iniciativa ten a dobre vertente de buscar, por un lado, o movemento e o consumo interno por parte dos propios lalinenses e por outro, atraer visitantes de fóra, ampliando a oferta turística e diversificando as posibilidades de Lalín para que sexa un destino visitable durante os 12 meses do ano”.

 

portada folleto auga e mel