O concelleiro de Turismo presentou a nova Ruta escultórica-monumental polo Concello de Lalín.

o concelleiro e a tecnica presentando a ruta escultórico monumental

 

8/10/2018 O concelleiro de Turismo -acompañado da técnica do departamento, Nuria Álvarez- presentou a nova Ruta escultórica-monumental polo Concello de Lalín. Tal e como explicou Vilariño, esta nova iniciativa interactiva propón dúas posibles alternativas para realizar unha visita temática á enorme riqueza escultórica coa que conta Lalín, con máis de 30 esculturas que se reparten polo municipio, e de maneira especial polo casco urbano. Co obxectivo de coñecelas, proponse unha ruta curta, de 3 quilómetros de percorrido, e outra longa, que tamém engloba á longa e que ten 8 quilómetros de lonxitude. Nestas dúas opcións, o visitante pode atopar artistas locais e foráneos, algúns consagrados e outros menos coñecidos, aínda que igual de interesantes. Ámbolos dúas alternativas comezan  polo monumento a Loriga, (obra de Asorey). Unha peza que que homenaxea ao aviador Joaquín Loriga, o máis antigo da vila e que durante moito tempo representou a Lalín. A partir de aí, o visitante poderá ver obras como a estatua do porco, a escultura dos cabalos, a folla de bacallau, os conxuntos escultóricos da carballeira do Rodo e a de Donramiro ou o cruceiro de lalín de Arriba, entre moitos outros. A publicación conta cun soporte informático que lle permitirá ao turista realizar a ruta de maneira interactiva botando man de calquera dispositivo móbil e que tamén se poderá descargar en formato PDF. Trátase da terceira publicación turística da xeira “percorridos”, tras a de "Pedra e Tempo" e a de "Auga e Mel" A idea busca, desta volta, promover percorridos de diferente tipo por puntos de especial valor dentro do municipio, que se poden realizar, tal e como explicou o concelleiro, nunha mañá ou nunha tarde en coche ou en bicicleta. Esta iniciativa ten a dobre vertente de buscar, por un lado, o movemento e o consumo interno por parte dos propios lalinenses e por outro, atraer visitantes de fóra, ampliando a oferta turística e diversificando as posibilidades de Lalín para que sexa un destino visitable durante os 12 meses do ano. Pero a guía, por enriba de todo, ten un enfoque práctico polo que recolle varios consellos para desfrutar ao máximo da experiencia e un mapa do percorrido. Todo o contido se pode descargar libremente da rede a través da páxina www.turismo.lalin.gal ou do código QR impreso no folleto mediante calquera dispositivo móbil. A gran novidade tamén radica en que a información aparecerá referenciada en formato KML compatible con Google Earth e My Maps, de maneira que os contidos aparecen xeolocalizados e se poderá realizar unha visita interactiva ou, por exemplo, trazar un desprazamento entre un atractivo e outro a través do teléfono móbil. Francisco Vilariño fixo fincapé no esforzo que continúa realizando a concellería de Turismo do Concello de Lalín “na publicación de material divulgativo que dea a coñecer o municipio para atraer visitante e xerar riqueza, que antes non existía”. Finalmente explicou que “esta iniciativa ten a dobre vertente de buscar, por un lado, o movemento e o consumo interno por parte dos propios lalinenses e por outro, atraer visitantes de fóra, ampliando a oferta turística e diversificando as posibilidades de Lalín para que sexa un destino visitable durante os 12 meses do ano”.