Lalín despide os paraugas de cores da rúa Colón facendo un balance moi positivo.

Rúa colon con paraugas

 

18/10/2018 O Concello de Lalín retirou o ceo de paraugas multicor instalado dende o mes de agosto no treito peonil da rúa Colón. Esta iniciativa posta en marcha pola concellería de Turismo co obxectivo de embelecer a rúa dunha maneira moi visual e orixinal e convertela desta forma nun novo e potente reclamo para turistas e veciños, finalizou cunha bagaxe absolutamente positiva, tal e como relata o edil, Francisco Vilariño. O titular de Turismo sinala que as expectativas iniciais “se viron amplamente superadas e non podemos máis que mostrar a nosa satisfacción polos excelentes resultados que se alcanzaron tanto a nivel de impacto e beneficio para a veciñanza como de aceptación social”.

A repercusión e a difusión que obtivo o ceo de paraugas de cores foi “excepcional” en palabras do concelleiro, xa que foron centos as fotografías e os retratos que durante as últimas semanas se fixeron nesta rúa e que circularon masivamente polas redes sociais, principalmente Instagram e Facebook. O impacto foi suficiente como para que varios medios galegos de alcance como a Televisión de Galicia e, incluso estatais, como La Sexta, emitiran imaxes da rúa en diferentes espazos programas, que foron vistos por milleiros de persoas.

Vilariño mostrouse especialmente satisfeito pola “evidente revitalización en todos os sentidos que se produciu nesta rúa durante as últimas semanas”. “Aumentaron claramente os visitantes e os veciños que se achegaron” -indicou- “e isto repercutiu positivamente no comercio e na hostalería desa e doutras rúas, polo que, en definitiva, sumou un factor máis á potenciación económica do municipio e todo cun pequeno investimento que apenas superou os 4 mil euros”.

Ante o contrastado éxito da iniciativa, Francisco Vilariño xa adiantou que “a idea na que estamos traballando dende a concellería é a de que esta proposta se volva facer de cara a primavera empregando máis motivos ornamentais e ampliándoa a outras rúas, pero” -aclara- “todo irá en función da capacidade orzamentaria da que dispoñamos”. Con todo, o que permanecerá na rúa son os 3 bancos de cores que se instalaron conxuntamente cos paraugas, pois debido ao seu gran uso foron moitos os veciños e veciñas que solicitaron que non se sacaran. Tamén foron moitos os que expresaron o súa mágoa pola retirada dos propios paraugas para o seu retiro invernal, o que volve poñer de relevo o éxito da iniciativa.