Vilariño pon de relevo o beneficio xerado pola área de autocaravanas no seu primeiro ano de funcionamento

grupo de persoas na area apertura area autocaravanas

 

19/10/2018 O concelleiro de Turismo, tras cumprirse un ano da inauguración da área de autocaravanas construída polo Concello de Lalín na zona do Agro de Lalín de Arriba, realizou un balance desta iniciativa. Francisco Vilariño mostrouse moi satisfeito polos resultados obtidos neste período, “a pesar de que se trata dun investimento que fixemos conscientes de que nunha zona como Lalín o seu meirande rendemento se produciría a medio longo prazo”, explicou. Así, tras realizar diferentes cálculos en colaboración coa Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) en función ao uso da área e ao gasto medio que esta organización estipula por vehículo, os resultados son contundentes e demostran que no primeiro ano o custe da instalación (49.000 euros) non só se amortizou, senón que o beneficio xerado case duplicou esta cifra.

Francisco Vilariño explicou que neste primeiro ano fixeron uso da área de estacionamento de autocaravanas un total de 897 vehículos. Destes, 350 fixérono durante os días previos e posteriores á inauguración do espazo que coincidiu coa celebración en Lalín do congreso anual da AGA. O resto (547) fixérono ao longo do ano, con máis incidencia en fins de semana, festivos e Feira do Cocido, o que deixa -sen contar os 4 días do congreso e a inauguración- unha media de ocupación de 1,5 autocaravanas por xornada. Deste xeito, segundo os cálculos oficiais que realiza a AGA, cada autocaravana instálase con dous viaxeiros e cada un deles realiza un gasto medio na vila de estacionamento de 50 euros. Porén, as 1.794 persoas que a AGA calcula que fixeron uso da área, teríanlle proporcionado a Lalín un beneficio económico duns 89.700 euros.

O titular de Turismo mostrouse moi satisfeito “pola boa acollida que tivo a instalación así como polo rendemento e o potencial que demostrou durante o primeiro ano para a atracción de visitantes e, por ende, para a xeración de riqueza no noso municipio”. Francisco Vilariño fixo fincapé en que esta iniciativa “está cumprindo con creces outro dos obxectivos que nos plantexamos dende a concellería como é o de diversificar a oferta turística do noso concello”. O concelleiro remarca que “a área de servizo conseguiu darlle unha maior visibilidade a Lalín e permitiu que o noso municipio se adaptase ás dinámicas do movemento turístico actual”.

Outro dos beneficios do parque de autocaravanas que salientou o edil radica en que “comprobamos que o uso deste tipo de vehículos de ocio non ten carácter estacional, senón que nos visitaron durante todo o ano e, aínda que debido ás súas dimensións (10 prazas) creadas con vistas ao futuro se viu poucas veces completa, rexistramos visitas durante os 12 meses”. “É, polo tanto, un turismo que enriquece o tecido económico e que trae consigo unha importante rendabilidade”, sinala. Vilariño tamén resaltou que o espazo de estacionamento “permitiu situar o concello de Lalín a nivel europeo nas guías de turismo que publica o sector das autocaravanas, “de xeito que axudou a darlle visibilidade a Lalín no mapa e, en definitiva, supuxo un salto cuantitativo no número de visitantes que se achegaron ao noso municipio”. Finalmente, Vilariño mostrou a súa gran satisfacción precisamente pola excelente valoración que os propios usuarios fixeron da área, destacándoa como unha das mellores de Galicia, tanto por situación xeográfica, como polos servizos que ofrece e polas múltiples alternativas turísticas que ofrece Lalín.