VooDoo actúa este sábado no Pazo de Liñares dentro do programa "Autoras. Ciclo de Mulleres Creativas"

O dúo VooDoo xunto a Paco Vilariño

 

22/10/2018 O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, presentou o segundo espectáculo correspondente ao programa "Autoras. Ciclo de Mulleres Creativas", que se está a desenvolver no Pazo de Liñares. Nesta ocasión será o dúo "VooDoo" o que actúe  o sábado, 27 de outubro, ás 20.00 horas, e que continúe, polo tanto, a encher de actividade e poñer en valor o enorme potencial que ten o Pazo de Liñares -unha das grandes xoias arquitectónicas do concello de Lalín- como polo de atracción de visitantes. A este obxectivo, tal e como indica Francisco Vilariño, súmase tamén o de visibilizar o importantísimo papel da muller no eido cultural e creativo de Galicia. Con esta filosofía artellouse un completo e variado programa coa muller como epicentro e con vocación de continuidade e que ofrece diversas propostas nas que se conxuga a musica, as performances e as artes escénicas. Desta maneira darase un salto cualitativo con respecto á programación que de maneira máis puntual se viña realizando ata o de agora en Liñares.

"VooDoo" está formado por Maritxinha e Belén Tajes (baixo, loops, teclado e voces), que esta tarde tamén participaron na presentación do concerto en Liñares. Foron  galardoadas co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Blues/Funk/Soul. No 2017 consolidan o seu estilo gravando o seu segundo EP nos estudios Abrigueiro. Un traballo moi coidado no que contaron coa colaboración de músicos moi diferentes como Lilaina, Narci Rodríguez e Alvaro Trillo. A edición deste EP, chamado VooDoo vol.II, foi feita a man, o que fai que cada copia sexa única. VooDoo son letras chegadas da música tradicional galega con harmonías fundamentalmente soul e R&B. Trátase dunha música íntima, elegante para "grandespequenos" momentos que bebe da improvisación do jazz e da forza do rock máis clásico. As artistas amosáronse encantadas de poder actuar no Pazo de Liñares, onde, adeamis dos temas xa publicados durante a súa carreira, interpretarán algúns dos que formarán parte do seu novo traballo.

O ciclo "Autoras" iniciouse con gran éxito e numerosa asistencia de público o pasado día 28 de setembro coa actuación de Najla Shami. Ademias de a Voodoo este mes, tamén traerá ata finais de ano a Ugia Pedreira & Marina Oural e Iria Sobrado - O estado cru. Todos os concertos teñen entrada de balde.

Este ciclo súmase a outras medidas postas en marcha polo Goberno e que nos dous últimos anos permitiron incrementar nun 60 por cento o número de persoas que se achegaron a esta casa solariega. Nesta liña, enfatizou que esta aposta clara por converter a Liñares nun referente concretouse en diferentes actuacións que non só propiciaron melloras no que se refrie aos seus contidos, cun novo estacionamento ou dúas novas salas de exposicións, senón tamén en canto a contidos e programación.