A diversidade deportiva de Lalín como factor xerador de riqueza e dinamismo protagoniza o novo video promocional de Turismo

Paco Vilariño e Emilio Fernández presentando o video

 

30/10/2018 A ninguén lle pasa por alto que o Concello de Lalín se converteu nos últimos anos nun dos municipios referentes en Galicia no ámbito deportivo, tanto pola enorme cantidade de clubs e modalidades diversas que se practican como pola celebración de eventos deportivos de primeira orde coorganizados en moitos casos polo Concello de Lalín e que serven, ao mesmo tempo como polo para a atracción de visitantes e a dinamización socioeconómica do municipio. Esta filosofía, precisamente, é a que se capta no novo documento audiovisual presentado pola concellería de Turismo dentro da campaña “Unha vila, mil experiencias”.

Trátase dunha peza creada pola produtora Arthur Gordon á que pertence Emilio Fernández, que participou na presentación xunto co edil, Francisco Vilariño, e que realiza de maneira viva e dinámica un rápido percorrido pola potencialidade e a diversidade deportiva de Lalín ofrecendo unha visión do deporte como xerador de riqueza, dinamismo social polo para a atracción de visitantes e fonte de valores.

No vídeo obsérvanse as principais instalacións deportivas municipais (Lalín Arena, Cortizo, canchas de tenis, pistas exteriores...) e os clubs e cidadáns que fan uso das mesmas (fútbol, balonmán, rugby, atletismo, fútbol gaélico...), así como outros deportes na natureza e ao ar libre (equitación, automobilismo, runnig, BTT etc.), deixando constancia -en pouco máis dun minuto- das enormes posibilidades e alternativas que ofrece o noso municipio para a práctica do deporte, co protagonismo especial do deporte base e do feminino. Tamén están presentes algúns dos principais eventos deportivos que acolle Lalín ao longo do ano, como o Rali do Cocido, que atrae en cada edición a milleiros de persoas e que é o claro exemplo da relación entre deporte e atractivo turístico.

Francisco Vilariño deixou claro, en todo caso, que “as disciplinas e alternativas que ofrece o municipio son aínda maiores, máis nun documento deste formato é imposible agrupalas a todas”. O concelleiro puxo de relevo “o gran número de modalidades diferentes que se practican no municipio e os moitos deportistas de alto nivel que temos, unha realidade que actúa como recurso turístico inmellorable”. “Pero ademais” -engadiu- “o deporte é unha auténtica escola de vida e de cidadanía e unha garantía de saúde e calidade de vida, polo que amosa algúns dos valores que fan de Lalín un interior único”.

Vilariño apunta que esta publicación, enmarcada na campaña promocional “Unha vila, mil experiencias” “segue a liña das cápsulas publicadas anteriormente que se afastan dos cánones estritos e esgotados da promoción turística habitual e pasan a un novo modelo que permite seguir incidindo na liña ben marcada polo Concello de aproveitamento das novas tecnoloxías”. O edil fixo fincapé na funcionalidade destes microespazos audiovisuais “como ferramenta novidosa e útil, sobre todo, polo impacto que alcanzan nas redes sociais e á grande cantidade de xente á que chegan”.

ENLACE AO VIDEO

miniatura video turismo deportes