O Concello de Lalín participará do 22 ao 25 de novembro na XXII Feira Internacional de Turismo de Interior "INTUR"

imaxe promocional feira intur

 

07/11/2018 O Concello de Lalín estará presente do 22 ao 25 de novembro na XXII Feira Internacional de Turismo de Interior “Intur” que acolle a cidade de Valladolid”. Así o vén de anunciar o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, quen sinalou que se trata dun evento profesional que contemplamos como un escenario perfecto para mostrar as posibilidades turísticas do noso municipio dentro dunha feira especializada no turismo de interior dentro do que Lalín ofrece unha amplísima variedade de alternativas para o visitante. Trátase, ademais, da primeira vez que o Concello participa nun evento destas características que ten o aliciente de ter nivel internacional. Nesta liña incidiu en que a participación en Intur é outra demostración máis da filosofía do Goberno de Lalín no ámbito da promoción turística, na que promovemos sempre medidas activas, considerando que este evento é óptimo para obter o máximo alcance.

En Intur daranse cita, como cada ano, centos de profesionais, entidades e institucións públicas que traballan nos diferentes ámbitos do turismo de interior. A natureza, a gastronomía e a cultura -ámbitos nos que Lalín é unha auténtica potencia- son os tres eixos principais en torno aos que se articulan boa parte das propostas que acollen os salóns de exposicións. Pero ademais, o evento é un mercado de contratacións especializado no que participarán ao redor dun centenar de compradores nacionais e internacionais que recibirán nas súas mesas aos vendedores.

Deste xeito, o persoal técnico enviado polo Concello de Lalín establecerá contacto profesional nas diferentes reunións comerciais que terán lugar no transcurso da feira, co obxectivo concretar oportunidades de negocio máis aló das nosas fronteiras e, en definitiva, captar a atención de compradores que logo propoñan Lalín nas súas ofertas turísticas e, deste xeito, se incremente o coñecemento da proposta turística de lalinense e se incremente a chegada de visitantes ao noso municipio.

Francisco Vilariño apuntou que dar a coñecer a nosa vila a través deste tipo de iniciativas é fundamental para acadar os obxectivos de promoción económica e social da mesma a través do turismo. O edil engadiu que a Feira internacional do Turismo de Interior é unha das de maior relevancia no ámbito turístico a nivel estatal, un mercado de concentracións especializado no turismo de interior con un centenar de operadores nacionais e internacionais. Trátase ademais -explicou- dunha das fontes de información máis consultada polo turista á hora de elixir destinos e a da aprendizaxe experiencial conforma unha ferramenta ideal para amosar a profesionais e ao consumidor final os nosos atractivos. De aí -finalizou- a nosa decisión de participar neste evento e nas reunións que alí se levarán a cabo e das que estamos seguros que sacaremos excelentes resultados para os intereses de Lalín.