LALÍN, UN INTERIOR ÚNICO POR DESCUBRIR

Imaxe rolda prensa

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, vén de presentar a imaxe da nova campaña de Turismo que vai poñer en marcha o Concello de Lalín e que se desenvolverá ao longo dos dous próximos meses. A proposta escapa do habitual e está protagonizada por un gran ollo no centro do cartel rodeada das cores verdes que simbolizan Lalín e a súa natureza e baixo o lema “Lalín, un interior único” ao que se lle engade a etiqueta #pordescubrir. Isto é precisamente o que trata de transmitir a campaña, pois -como explicou o concelleiro- o ollo convida a descubrir Lalín e levanta no visitante a curiosidade por coñecer o noso concello.

 

A iniciativa vaise lanzar especialmente a través de internet e das redes sociais, onde se apoia de toda a información da concellería sobre a oferta turística do municipio para que calquera persoa poida organizar unha visita completa a Lalín e sacar dela o máximo proveito. Tamén se realizará a través dos minipuntos publicitarios e terá presenza nas 4 provincias do país e en máis de 40 concellos galegos entre os que se atopan todos os de máis de 20 mil habitantes. Así mesmo, complementearase coa colocación nas principais cidades do país de valados publicitarios. Vilariño cualificou a campaña como “moi ambiciosa” e afirmou que vai situar a Lalín entre os poucos Concellos que realizan este tipo de iniciativas promocionais nesta época do ano tendo en conta que, ademais, a oferta de Lalín está alonxada da estacionalización. A campaña tamén se inclúe dentro das múltiples propostas activas da concellería para poñer en valor o potencial turístico de Lalín e atraer o visitante tomando a iniciativa.