O CONCELLO INSTALARÁ NO CASCO URBANO DÚAS ESCULTURAS DE PEREGRINOS COMO INICIATIVA PARA PROMOCIONAR O CAMIÑO DE INVERNO

Esculturas

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo que dirixe o concelleiro, Francisco Vilariño, anuncia a posta en marcha dunha nova iniciativa encamiñada a promocionar e darlle valor ao Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín. Concretamente, o responsable municipal informa de que nos próximos días se van instalar en dous puntos diferentes da vila polos que discorre esta ruta xacobea, dúas esculturas elaboradas en forxa que representan a figura dun peregrino. Francisco Vilariño sinala que Lalín se está consolidando como unha das vilas máis importantes con respecto ao paso de peregrinos tendo en conta que o concello é atravesado tanto pola Ruta da Prata como polo Camiño de Inverno, de modo que a colocación destas esculturas servirá para facer máis visible esta condición e contribuirá ao desenvolvemento do turismo. Concretamente, unha das pezas situarase no acceso do Camiño de Inverno ao centro urbano na zona do entronque que conforman as rúas Calzada, Ferrín Moreiras, Monte Faro, Praza da Igrexa e Luís González Taboada. Ademais de embelecer este entorno, a estatua servirá de maneira simbólica para darlles a benvida á vila aos romeiros de paso por este punto. A segunda figura colocarase no punto de acceso ao Paseo do Pontiñas dende a rúa do Regueiriño e, neste caso, despedirá figuradamente aos camiñantes.

 

As figuras foron creadas polo artesán cerralleiro lalinense, Manuel García Guerra, que rexenta a cerrallería artística Emaco e, como sinalou Vilariño, son dunha gran beleza e representatividade, polo que van pasar a ser un elemento máis de atractivo turístico na nosa vila, ao tempo que serven como homenaxe ao peregrino. Realizadas de xeito totalmente artesanal, as pezas miden máis dun metro oitenta de altura e pesan uns 75 quilogramos. Está creadas en chapa de aceiro cortén, un tipo de metal que unha vez ensamblado se somete a un proceso de oxidación. Manuel García Guerra leva varios anos deseñando este tipo de esculturas e ten pezas co seu selo instaladas en varios albergues e puntos de paso do Camiño de Santiago.

 

Francisco Vilariño remarcou que a iniciativa se desenvolve ao abeiro das múltiples accións postas en marcha dentro da aposta do Concello de Lalín por promocionar e consolidar o Camiño de Inverno como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como polo xerador de riqueza e dinamismo social. O edil lembrou que o Camiño de Inverno foi recoñecido en 2016 pola Xunta de Galicia como ruta oficial de peregrinación a Santiago. “Polo tanto” -sinalou- “é o máis novo dos camiños xacobeos oficiais e, en consecuencia, un dos menos coñecidos para o público, polo que consideramos necesario a través de iniciativas como a que hoxe presentamos, incidir de maneira especial na súa promoción para dalo a coñecer e incrementar así o número de peregrinos que fan de Lalín non só lugar de paso e de estancia”. “Non obstante” -engadiu- “proximamente tamén poremos en marcha outras actuacións novidosas para promocionar a Vía da Prata.

 

Francisco Vilariño sinalou que o Concello de Lalín “leva tempo traballando para potenciar as rutas xacobeas, un esforzo que tivo como consecuencia un enorme aumento nos últimos anos do número de romeiros que pasan polo noso Concello”. Nestas liña puxo de relevo a destacada aposta polo Camiño de Inverno debido a que conta cunha gran riqueza histórica, patrimonial e ambiental e que está chamado a ser un importante polo de atracción de visitantes e, en consecuencia, un dos posibles eixes dinamizadores da economía do noso concello”.