O CICLO AUTORAS TRAE O VENRES DÍA 28 AO PAZO DE LIÑARES A PEZA “O ESTADO CRU” DE IRIA SOBRADO

Iria Sobrado Autoras

O programa “Autoras, Ciclo de Mulleres Creativas” organizado pola concellería de Turismo do Concello de Lalín, trae ao Pazo de Liñares o vindeiro venres, día 28 de decembro ás 20.30 horas, a derradeira actuación do programa. Nesta ocasión, o espectáculo correrá a cargo da famosa actriz galega, Iria Sobrado, que actuará coa súa proposta “ O Estado Cru”.

 

Trátase dunha peza creada orixinalmente para o ciclo “O Teatriño” comisariado por Camilo Franco “sendo a súa orixe a de presentar un traballo totalmente libre sobre o que para ti é ser actriz”. A obra -como explicou- é unha carta branca é un regalo marabilloso e envelenado tamén, porque non hai nada previo ao que agarrarse e ademais todo o espectáculo (iluminación, vestiario, escenografía) dependen de ti, e preténdese que aporten só un mínimo ao traballo, é dicir, que o “forte” do traballo sexa a proposta da actriz, cos mínimos artificios posibles. “En definitiva, a actuación nace coa idea de poñer en escena algúns textos que a min me gustan moito pero que, se cadra, non son especialmente dramatúrxicos. Son textos moi poéticos e todo o que vai rodear á proposta vai encamiñado nesa dirección, e tamén haberá unha parte máis performativa mesturada co traballo do texto”. 

 

Francisco Vilariño animou a toda a cidadanía a asistir á cuarta e última actividade do ciclo Autoras, que, segundo afirmou, será como os anteriores, un espectáculo de enorme calidade, que servirá para seguir poñendo en valor o Pazo de Liñares como colector cultural e polo de atracción de visitantes grazas a unha proposta que visibiliza de maneira específica o papel fundamental da muller no eido cultural e creativo en Galicia.