A LI FEIRA DO COCIDO DE LALÍN SERÁ RETRANSMITIDA INTEGRAMENTE EN STREAMIG PARA QUE POIDA SER SEGUIDA EN DIRECTO EN CALQUERA PARTE DO MUNDO

Cocido Rúa Principal

A 51ª edición da Feira do Cocido de Lalín vai ser retransmitida integramente e en directo vía streaming co obxectivo de que as diferentes actividades do evento poidan ser seguidas en tempo real en calquera parte do mundo e a través de calquera dispositivo. Así o vén de informar o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, quen sinalou que esta será unha das principais novidades da presente edición da feira. Un dos obxectivo principais da iniciativa -indicou- é a de darlle á Feira do Cocido a maior difusión posible adaptando o evento ao que as novas tecnoloxías da comunicación nos ofrecen e conseguir que o alcance do evento tamén traspase a nivel audiovisual as nosas fronteiras e teña carácter mundial. Esta emisión tamén lle permitirá contar ao Concello de Lalín cun documento audiovisual de enorme calidade sobre a nosa festa máis sobranceira, que permanecerá para a posteridade e que poderá ser utilizado no futuro. Outras das utilidades do streaming a nivel local radica en que lles permitirá aos propios lalinenses que o día da Feira teñen traballo nas súas casas e non poden saír, seguir dende primeira hora da mañá dende o seu fogar todos os actos do Cocido.

 

Francisco Vilariño explicou que o Concello de Lalín realizará unha aposta moi destacada por esta proposta comunicativa, tendo en conta o papel fundamental que xogan hoxe en día as redes sociais e demais plataformas en internet na difusión de contidos e eventos de todo tipo. Deste modo -sinalou- realizaremos unha retransmisión en directo de enorme calidade a través dunha montaxe en formato televisivo que poderá ser vista por milleiros de persoas en todo o mundo e coa que tamén conseguiremos darlle á festa gastronómica máis importante do país un empurrón importante no plano promocional.

 

Aínda que pronto se coñecerán máis novidades sobre esta proposta, o proxecto consistirá na realización e emisión dun programa de corte televisivo de contidos en directo da Feira do Cocido 2019 para a súa emisión en streaming nas diferentes canles do concello (Youtube, redes sociais), así como en pantallas que se colocarán especialmente para a ocasión en zonas estratéxicas da vila.

 

Os contidos da Feira aos que se lle vai dar cobertura inclúen os actos de entrega da Distinción Aldea Singular do Concello de Lalín, o pregón no quilómetro cero e a cobertura do desfile de carrozas e comparsas. Así mesmo, para darlle un formato totalmente televisivo, realizaranse varias conexións en directo desde diferentes puntos da feira con reporteiro, que incluirán, por exemplo, a preparación do desfile antes da saída, a carpa instalada na feira cos postos de gastronomía ou unha cociña dun restaurante para ver os preparativos do cocido. Ademais, realizarase a pé de rúa o seguimento das carrozas e comparsas conectando con elas ao longo do desfile o que permitirá non perder detalle do máis destacado do desfile da Feira nesa xornada festiva. Ademais, tamén se realizará unha reportaxe coa temática do cocido que se porá en streaming no transcurso do evento gastronómico.

 

Vilariño sinalou que está claro que a importancia da Feira do Cocido traspasou hai tempo as nosas fronteiras, polo que se facía necesario apostar por novas iniciativas comunicativas a altura deste evento e que grazas a difusión en calquera parte do mundo sexan un acicate máis para darlle visualización e prestixio á Feira. Deste modo, explicou que o intenso traballo de promoción desenvolvido nos últimos tempos e as actividades complementarias que se foron introducindo na celebración serviron para que a Feira sobrepasase o seu carácter eminentemente gastronómico e se convertese nun acontecemento de constatada repercusión tamén a nivel internacional.