O PAZO DE LIÑARES REXITRA 34.319 VISITAS DENDE 2015 E UN AUMENTO DO 164%

Presentación Visitas Liñares

O concelleiro de Turismo vén de facer balance do número de visitantes que durante os últimos 4 anos se achegaron ao Pazo de Liñares, un dos principais recursos turísticos do municipio, que o Goberno de Lalín a través de diferentes medidas está potenciando e dando a coñecer. Así, o titular de Turismo fixo unha valoración do amplo crecemento en canto o número de visitas que viviu a casa solarega durante o presente mandato, cuestión moi positiva que achacou, entre outros factores, ao importante esforzo promocional, ao traballo para dotar de contido o espazo con múltiples e periódicas actividades lúdico-cultturais, ou a melloras como a construción dun aparcamento e a habilitación de novas salas expositivas como a de Loriga e a futura sala Hilguen.

 

Os resultados foron medrando ano tras anos de xeito extraordinario e pasaron de 4.630 visitas en 2015 a 7.387 en 2016 (+59,5%), 10.057 en 2017 (+36%) e 12.245 en 2018 (+22%). En total, durante os 4 anos visitaron o Pazo de Liñares 34.319 persoas, o que supón un aumento total do 164% durante estes anos.

 

O Concello de Lalín tamén mantén un rexistro por procedencia dos visitantes. Estes datos reflicten que o 30% dos totais achegáronse a Liñares dende o propio municipio, mentres que 56% o fixeron doutros puntos da xeografía galega e 12% do resto do Estado. Pero ademais, o Pazo tamén rexistrou a visita de turistas internacionais, alcanzando esta cifra os 2%.

 

O 76% das visitas son de persoas adultas e o 24% de menores, maioritariamente chagados a través de excursións e para participar en actividades específicas culturais para nenos e nenas.

 

A maioría de visitantes chegan en viaxes organizadas, excursións escolares e acoden a actos organizados no Pazo polo Concello.

 

Francisco Vilariño fixo fincapé na firme aposta do Concello por potenciar esta xoia turística de Lalín, dotándoa de contidos durante todo o ano e mediante importantes inversións, como a construción dun aparcadoiro integrado no entorno.