O 2018 DEIXA UN NOVO RÉCORD DE PEREGRINOS EN LALÍN

Grafico

O concello de Lalín estase a converter nunha auténtica referencia para os peregrinos. Así o demostran as cifras de pernoctacións rexistradas pola concellería de Turismo nos últimos exercicios e que non paran de medrar ano a ano. Deste xeito, tal e como informa o concelleiro responsable desta área, Francisco Vilariño, o 2018 volveu pulverizar os datos en canto a afluencia de peregrinos se refire, deixando o número de romeiros que rexistraron o seu paso polo municipio en 9.068, cifra moi por enriba dos 8.299 que o fixeron en 2017 e o que significa un aumento de case o 10% e un novo récord histórico. Vilariño mostrouse “moi satisfeito” cuns datos, que segundo di, “continúan amosando a potencialidade que para Lalín teñen as rutas xacobeas como eixo de atracción de visitantes e, polo tanto, como factor dinamizador económico e social”. Lalín é punto de confluencia de dous Camiños (Ruta da Prata e Camiño de Inverno), de xeito que o paso de peregrinos é unha constante durante todo o ano, con especial incidencia en verán e, grazas ás diferentes alternativas de acollida que se ofrecen, son moitos os casos en que os visitantes permanecen aquí máis dun día.

 

As mencionadas modalidades principais que teñen os peregrinos para pernoctar son 3: o pavillón municipal, que pon a disposición de grupos de peregrinos o Concello, o albergue público de A Laxe e as hospedaxes privadas.

 

 

Pavillón municipal

O pavillón municipal convértese en centro de pernoctación para centos de visitantes que recalan en Lalín no seu camiño a Santiago procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, española ou doutras partes de Europa. En total, durante 2018, fixeron uso desta instalación 1.250 visitantes. Son 225 menos que os rexistrados en 2017 tratándose da única modalidade que descende lixeiramente o número de acollidas. Como explicou Vilariño, a incidencia de peregrinos no pavillón prodúcese nos meses de verán, onde se chegaron a contabilizar 1.071 romeiros nos meses de xuño, xullo e agosto, unha cifra moi alta que non obstante decreceu levemente noutras estacións pero deixando, aínda así, un balance moi positivo.

 

A Laxe

O albergue de A Laxe, de titularidade da Xunta, rexistrou o ano pasado 2.368 pernoctacións. É unha cifra moi superior á de 2017 (1.475) e á de 2016 (1.824). Trátase duns números moi bos que poñen de manifesto a boa acollida que ten este albergue por parte dos visitantes.

 

Establecementos privados

Ademais e, tras consultalo dende a concellería con responsables de diferentes aloxamentos e coa Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago por Lalín e Deza, calcúlase que o sector privado acubillou durante 2018 a uns 5.450 peregrinos. Son aproximadamente un 9% máis dos que o fixeron en 2017 (5.000). Entre eles contabilizáronse numerosos membros de grupos que pernoctaron varios días en Lalín, xa que tomaron como base a nosa localidade para coñecer o concello e a comarca ou pola situación xeográfica do municipio, que lles permite facer diferentes etapas do camiño.

 

Vilariño lembrou que dende a concellería de Turismo tamén se organizan visitas planificadas para os grupos de peregrinos, o que fomenta que elixan a nosa localidade como punto de referencia e permanezan durante varias xornadas en Lalín.

 

O Concelleiro ligou estas cifras “tan positivas”, entre outros factores, aos esforzos da concellería para poñer valor e dar a coñecer os camiños de Santiago que atravesan Lalín. “É palpable que no noso concello se vén producindo un incremento do ambiente de peregrinos ao longo do ano, pero non nos imos conformar con isto e seguiremos traballando para asentalo, porqué as rutas xacobeas son un dos nosos principais recursos turísticos e polo tanto un elemento moi importante para o impulso económico”, afirmou.

 

Non me canso de dicir que Lalín ten multitude de posibilidades máis aló do cocido, tamén en torno aos camiños de Santiago que son un elemento dinamizador do turismo, a cultura e o patrimonio sobre os que vimos traballando con intensidade, explicou”. Entre outras iniciativas de promoción dos camiños de Santiago o concelleiro de Turismo citou a publicación por parte do Concello de material divulgativo e informativo en varios idiomas, ou o traballo para impulsar o Camiño de Inverno. Finalmente fixo referencia a que os esforzos do Goberno para seguir atraendo peregrinos continuarán con diferentes iniciativas, entre as que se atopa o proxecto para crear un albergue no centro da vila.