O CONCELLO REHABILITARÁ AS ESTATUAS DE LORIGA E RAMÓN ALLER, ASÍ COMO O CRUCEIRO DE MONEIXAS DANADO NUN TEMPORAL

esculturas

O Concello de Lalín acometerá un importante proxecto en aras de recuperar e conservar tres dos elementos de maior relevancia patrimonial, histórico e atractivo turístico do noso municipio. Como avanzou o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, o Goberno municipal vén de solicitar unha achega ao abeiro das subvencións para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico e cultural que convoca a Deputación de Pontevedra e á que se sumarán outras partidas procedentes de baixas de proxectos xa acometidos e que, en conxunto, permitirán afrontar a reparación e conservación da estatua de Joaquín Loriga, da escultura de Ramón Mª Aller e do cruceiro de Moneixas que en 2015 foi danado polos efectos dun temporal. O edil titular de Obras informou de que o Concello xa conta con todos os permisos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para acometer esta actuación que se poñerá en marcha tan pronto como a resolución da subvención sexa favorable. Francisco Vilariño indicou que a presente iniciativa se leva a cabo pola urxente e manifesta necesidade de reparar uns monumentos que actualmente se atopan en mal estado debido ao paso do tempo e que é necesario recuperar ao tratarse de obras artísticas de gran valor e moi importantes para a vila e para os seus visitantes.

 

En primeiro lugar, o monumento ao aviador Loriga, que hoxe visitou o concelleiro, presenta un estado de conservación estable pero esteticamente moi mellorable ao verse desvirtuado pola ampla cantidade de sucidade e colonización biolóxica de plantas e musgo que o cobren. Os elementos metálicos da estatua tamén se atopan en boa medida deteriorados polos mesmos factores. As causas da degradación son consecuencia de factores intrínsicos ao propio material pétreo, así como a outros externos como a climatoloxía. Porén, a proposta de intervención, aprobada por patriomonio, contemplará principalmente traballos de limpeza e de tratamento do material. A limpeza levarase a cabo primeiramente mediante actuacións mecánicas coa utilización de cepillos, aspiracións, retirada de prantas, liques, sedimentos etc. Posteriormente, a sucidade e as concentración duifíciles de eliminar trataranse mediante axentes químicos que servirán para minimizar os restos da superficie. Finalmente corrixiranse as fendas e fisuras do monumento coa aplicación de morteiro. O monumento a Loriga foi creado por Francisco Asorey no ano 1933 e atópase na Praza da Torre. É un dos símbolos máis coñecidos e queridos polos lalinenses, así como un dos atractivos principais da vila para os visitantes.

 

Pola súa banda, o monumento a Ramón Aller situado a carón da igrexa, no parque lateral, atópase nunha situación de conservación similar ao das estatua de Loriga, con presenza de liques e sucidade provocada pola colonización biolóxica do granito que o conforma. Tamén hai sucidade provocada por excrementos de aves e obsérvase unha capa de sucidade provocada pola humidade e a polución atmosférica. Porén, as tarefas de restauración tamén serán similares ás que se levarán a cabo en Loriga, coa execución de traballos de limpeza mecánicos e outros coa utilización de axentes químicos que permitirán a eliminación de todos os restos. Así mesmo, no caso de atopar fracturas ou zonas debilitadas durante a intervención acometerase a súa solución coa aplicación de produtos adecuados e afíns á pedra. Ademais, tamén se restaurarán os elementos metálicos presentes na base da escultura. Esta peza tamén foi esculpida polo mestre Francisco Asorey e inaugurada no 1960. Representa a figura de “Don Ramón” vestido cos seus hábitos e portando nas súas mans un astrolabio e varias táboas sendo, ao igual que a de Loriga, unha estatua de enorme valor e moi querida por todo o pobo de Lalín.

 

A última reparación contemplada no proxecto afectará ao cruceiro de San Adrao da parroquia de Moneixas. Trátase dun ben de enorme interese e valor patrimonial e histórico datado no ano 1963 ao que lle falta o capitel e a cruz por mor dos efectos dun temporal de vento que no 2015 derrubou sobre o mesmo unha árbore provocándolle graves fracturas. Deste xeito, a reparación do cruceiro -que se atopa nunha parcela recentemente adquirida polo Concello de Lalín- é urxente e necesaria para volver a peza ao seu correspondente estado de conservacións. Así, a proposta de restauración pasa pola execución de traballos de limpeza mecánica para eliminar os restos de colonización biolóxica e vexetal ao que se sumarán actuacións de limpeza con axentes químicos para neutralizar calquera resto e devolver a pedra ao seu estado orixinario. Ademais, será necesario realizar tarefas de consolidación da pedra nas áreas fracturadas e, finalmente realizarase a adhesión dos elementos fracturados mediante morteiro para recuperar por completo o cruceiro.

 

Francisco Vilariño informou que as tres actuacións teñen un orzamento de execución de 29.600 euros e serán acometidas por expertos en restauración. O concelleiro fixo fincapé na trascendencia desta iniciativa como proposta que permitirá devolver tres elementos de inmenso valor patrimonial e, no caso das estatuas de Loriga e de Ramón Aller, auténticos símbolos indentitarios da vila, practicamente ao seu estado de conservación orixinal. A actuación -indicou- é moi ambiciosa e suporá un antes e un despois para estas pezas que precisaban con urxencia unha restauración que, ao mesmo tampo, tamén dende o punto de vista turístico, incrementará notablemente o seu atractivo.