OS COMENSAIS DO XXI MES DO COCIDO CERTIFICAN A SÚA SATISFACCIÓN COA EXPERIENCIA E CONSOLIDAN A EXCELENCIA DO COCIDO DE LALÍN

sorteo mes do cocido

Os restaurantes lalinenses que participaron no XXI Mes do Cocido recibiron esta tarde no Concello os informes cos resultados personalizados extraídos das enquisas do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín, que cubriron de modo voluntario milleiros de comensais que de San Amaro a San Valentín participaron nesta iniciativa. A conclusión xeral que se arranca tras a realización dunha detallada análise dos cuestionarios é que a calidade e a excelencia do Cocido de Lalín están plenamente consolidadas, como se desprende da moi alta satisfacción dos clientes que se achegaron a degustar o prato rei da gastronomía galega ao noso concello e que, aínda que lixeiramente, supera incluso a rexistrada na pasada edición.

 

En total depositaron as enquisas nas urnas dos 25 restaurantes participantes no Mes do Cocido 2.594 comensais. Destes, 2.514 (97%) recomendaríalle a outra persoa vivir a experiencia de comer un cocido en Lalín. O 88% cualifica o servizo prestado nos establecementos como moi bo, a mesma valoración que realizan maioritariamente da calidade da materia prima (82%), da presentación (79%) e das instalacións (75%). Por outra banda o boca a boca segue sendo, un ano máis, a principal forma exposta polos comensais para coñecer o cocido de Lalín, posto que 1.857 clientes (o 72%) din ter coñecido este prato a partir de amigos ou familia, unha cifra moi por enriba dos que o fixeron a través da prensa e televisión (116) ou de internet e redes sociais (93). Alén destas maneiras, un total de 472 persoas dixeron ter coñecido o cocido por outros medios non especificados.

 

A procedencia das persoas que se achegan a Lalín a degustar un cocido é unha das cuestións máis significativas das recollidas nas enquisas e permite extraer varias conclusións destacables. Así, pódese comprobar que o 35% proveñen de fóra da provincia. Trátase dunha cifra moi relevante, que evidencia o éxito das campañas de difusión da Feira do Cocido e que demostra que este prato, como ningún outro, é capaz de mobilizar a centos de persoas que non dubidan en percorrer quilómetros para vivir a experiencia de degustar un xenuíno cocido na nosa vila. Pero ademais, o 22% chegan dende outras zonas de Pontevedra e o 6% fano dende fóra de Galicia, mentres que segundo as enquisas, o 35% dos clientes do XXI Mes do Cocido proceden da propia comarca do Deza.

 

O prezo do prato é outro dos factores que de maneira maioritaria se valora positivamente pola clientela, considerándoo moi bo 1.837 persoas (71%) e bo 450 (17%). Unicamente o 2% valorou o prezo como “malo”.

 

O selo do Compromiso de Calidade do Cocido de Lalín entregouse aos restaurantes que superaron os requisitos, que foron practicamente a totalidade, agás 2 establecementos que non reuniron a cantidade mínima de enquisas. Esta distinción ten como obxectivo avanzar, baixo a implicación dos propios hostaleiros cara a consecución dun prato elaborado cos mellores produtos, ao tempo que se garante a mellor atención e servizo en cada local. Os acordos do compromiso, así como as preguntas plantexadas nas enquisas foron aprobadas polos mesmos restauradores e recollen, entre outras cuestións, o aval de que o establecemento está nas mellores condicións e que se dá a posibilidade de efectuar reservas. Así mesmo, establecen a garantía de que o cocido estará feito seguindo a receita oficial, ou que as sobremesas serán as tradicionais galegas.

 

Ademais, da entrega dos informes das enquisas de Calidade, esta tarde realizouse o sorteo de premios entre os participantes nas enquisas do Mes do Cocido. Os agasallos consistiron:

 

  1. Cocido de Lalín para 4 persoas en Casa Currás: Luís Piñeiro.

  2. Cocido de Lalín para 2 persoas no restaurante Cabanas: Ana Mª Vilela Castro.

  3. Cocido de Lalín para 2 persoas no restaurante Onde Antonio: Carmen Mato Cerdeira.

  4. Cocido de Lalín para 2 persoas no bar O Polo: María Dolores Campos Veiga

  5. Cocido de Lalín para 2 persoas no restaurante El Rincón de la Mariposa: José B. Mosquera Blanco.

  6. 2 ceas de menú degustación no restaurante La Molinera: Monserrat Álvarez Rodríguez.

  7. Degustación dunha caponada para 4 persoas no restaurante As Vilas: Vanesa Gómez.

  8. Unha noite en AD para 2 persoas no hotel Villanueva: Emilio Montilla Fernández

 

Os restaurantes que conseguiron o selo do Compromiso de Calidade do XXI Mes do Cocido de Lalín foron:

A Taberna de Vento (Botos), Bar Manolo (Donramiro), Bar O Polo (Lalín), Casa Currás (Lalín), Casa do Patrón (Doade), Casa SanMartín (O Corpiño), Hostal As Vilas (Lalín), Parrillada Villanueva (Lalín), Restaurante Pontiñas (Lalín), Mesón O Cruce (Vilatuxe), Parrillada Taboada (Lalín), Pazo de Bendoiro (Bendoiro), Pensión Las Palmeras (Lalín), Restaurante O Cazador (Catasós), Asador O Toxo (Lalín), Restaurante Cabanas (Lalín), Casa Pablo (A Goleta), Hotel Spa Norat Torre do Deza (polígono Lalín 2000), Restaurante El Rincón de la Mariposa (Lalín), Restaurante La Estación (Botos), Restaurante La Molinera (Lalín), Restaurante Onde Antonio (polígono Lalín 2000), Restaurante La Robleda (Vilatuxe).