“LALÍN, CRUCE DE CAMIÑOS” PON EN VALOR AS DÚAS RUTAS XACOBEAS QUE PERCORREN O MUNICIPIO.

Cartaz Cruce de Camiños

 

 

O programa “Lalín, cruce de Camiños” busca dar a coñecer as dúas rutas de peregrinación que cara Compostela pasan polo territorio Lalinense. Esta iniciativa vai dirixida tanto a persoas de fora como ós habitantes do municipio, co gallo de difundir a singularidade de contar con dous Camiños de Santiago no noso Concello: A vía da Prata e o Camiño de Inverno.

A Vía da Prata é un camiño que partindo de Sevilla e pasando por Mérida levaba a Astorga aproveitando antigas vías romanas. Foi utilizado polos peregrinos que residían en territorio ocupado polos árabes, polo que tamén é coñecido por Camiño Mozárabe a Santiago. Ademais, o tramo entre Granja de Moreruela (Zamora) e Santiago, recibe o nome de Camiño Sanabrés. No concello de Lalín entra dende Dozón por Puxallos, parroquia de Catasós, e continúa por A Xesta, Botos, Donsión e Bendorio, ata abandonar o municipio pola milenaria Ponte Taboada, na parroquia de Prado.

O Camiño de Inverno parte de Ponferrada e é unha alternativa ó Camiño Francés, que lle evitaba ós peregrinos o paso polos tramos anegados no entorno do río Valcarce, e a dura subida invernal ó Cebreiro. En vez disto segue o curso do río Sil por cotas máis baixas e seguras, percorrendo lugares de gran beleza como As Médulas ou a Ribeira Sacra. Entra no concello, procedente de Rodeiro, pola Costa do Boi en Maceira e continúa por Goiás ata entrar na vila de Lalín, seguindo pola parroquia de Filgueira ata a Laxe, en Bendoiro, onde se xunta coa Vía da Prata.

A programación de “Lalín, cruce de camiños”, consta de visitas teatralizadas e guiadas por pequenos tramos dos Camiños de Santiago, dirixidas ó longo da semana a centros escolares, e a fin de semana ó público en xeral.

O sábado 26 de Outubro o percorrido sairá ás 12:00 da Casa natal do pintor Laxeiro en Donramiro (ó lado da fonte). Será un percorrido teatralizado de 2 km, no que os actores aproveitarán o peculiar universo pictórico do artista para dar a coñecer aspectos do patrimonio natural, cultural e inmaterial do Camiño.

O domingo 27 ás 9:45 dende a Praza da Igrexa sairá un autobús que levará ós participantes ó albergue de A Laxe, dende onde se iniciará un roteiro guiado de 6 km ata Ponte Taboada con posterior regreso no autobús. O evento rematará ás 13:00 na Praza da Igrexa con un concerto do grupo Mayalde e degustación de petiscos aberto a todo o mundo.

Para participar en ambas as actividades é preciso inscribirse a través do correo electrónico concellodelalinxacobeo21@gmail.com ou chamando ao teléfono 604062506 en horario de mañá.