Arquitectura Relixiosa

Igrexa orixinaria de mediados do s. XII. Conserva desta época a portada con arquivoltas de arco de medio punto sobre columnas acaroadas, na parte superior da entrada leva uns saíntes a modo de ménsulas que sosteñen o tímpano sen decoración. A cornixa, tamén románica, amosa canzorros con motivos xeométricos, un deles coa figura dun rostro humano.

Destaca pola abundancia e pureza dos seus elementos románicos do século XII. A ábsida rectangular, presidida polo Agnus-Dei, conserva canzorros e ventá de unha arquivolta sobre columnas acaroadas de capiteis con follas, fustes lisos e bases decoradas con garras, cunha seteira no centro.

Aparece mencionada a parroquia de Bermés nos documentos do bispo Odoario no s. VIII. A igrexa primitiva foi substituída no s. XII. por outra de feitura románica. No seu entorno atopáronse varias estelas funerarias romanas dos s. I-III.

Igrexa feita con pedras irregulares. Posúe unha ábsida semicircular precedida dun pequeno tramo recto do século XII. Dividida en tres partes por dúas columnas que chegan ata a cornixa, e que posúen capiteis e bases con escasa decoración.

A data de construción da igrexa é 1159, segundo a inscrición que se pode ver na porta occidental .

Aparece mencionada en documentos relacionados co mosteiro de Oseira a partir de 1210. Da súa fábrica románica conserva o arco triunfal que descansa sobre columnas con capiteis decoradas con grandes follas, nun deles apreciase unha curuxa de longa lingua e no outro un personaxe que sostén un libro na man esquerda e en actitude de bendicir coa dereita.

Conta cunha ábsida rectangular románica de perpiaños de granito, cunha saeteira cegada no testeiro.

Data de 1885. Ten plataforma dun só chanzo. Sobre ela érguese o pedestal cúbico con inscrición na que aparece o nome do autor, Francisco Otero, isto é moi curioso xa que os canteiros non empezan a firmar as súas obras ata o século XX. O varal é cilíndrico con incisións en apariencia desordenadas todo ao longo.

Do 1737, segundo consta no Libro de Fábrica foi encargado no 1735 ao canteiro Alberto Pichel de Negreiros. Cruceiro sinxelo, plataforma de 2 chanzos. Pedestal cúbico, do que sae o varal, aínda que curiosamente non do centro, senón que está pegado ao pousadoiro. Capitel con molduras e cruz sin imaxes

Do 1789. Plataforma de 1 chanzo. Pousadoiro. Pedestal cúbico ten a imaxe dun anfibio ou reptil , representación do demo. No varal a imaxe dunha tartaruga, as imaxes de Adán e Eva, por enriba deles a árbore da resurrección. Capitel decorado con flores de lis e volutas no centro de cada lado unha cara. A cruz ten a imaxe de Cristo polo anverso e a Virxe polo reverso.

Cruceiro que nace sobre plataforma de dous chanzos. O pedestal é cúbico con inscricións nos catro lados nelas aparece a data de construción, 1889. O varal é octogonal, excepto nos extremos que é cadrado e ten baixorrelevos. O capitel con molduras da paso a cruz na que non hai figuración.

De 1901, foi esculpido por Manuel González Perdiz. Con plataforma dun chanzo sobre o que se apoia o pedestal cúbico en “garganta”. O varal moi curioso xa que empeza en forma cadrada, segue octogonal e no último tramo é cilíndrico e nel aparecen tres figuras sobre peanas. O capitel está decorado con follas, volutas e pequenas cabezas.