PONTE TABOADA (NOVA)

 

Construída entre 1861 e 1863, substituía á vella ponte do s.X que augas arriba atravesa o río Deza - e que continúa a ser transitada por sendeiristas e peregrinos que seguen a Vía da Prata camiño de Santiago-. Nese momento foi coñecida como “Ponte Taboada Nova” e adecuabase máis ó tránsito de carruaxes, en particular porque o vello camiño real e máis a ponte tiñan un firme composto de pedras irregulares que facían penosa e lenta a circulación dos mesmos.

Está realizada en pedra de cantería e formada por catro arcos iguais. A súa lonxitude é de uns 70 m e ten unha altura de cerca de 40, o que o converte nunha atalaia excepcional sobre o río Deza. Dende ela podemos ver a moderna ponte da estrada N-525 (construída en 1973), o viaduto do ferrocarril de mediados dos anos 50 do século pasado, e a estación de tren de Taboada. O entorno do río, coa súa vexetación de ribeira, dota a esta ponte dun encanto especial pola paisaxe que dende ela se observa.

A Vía da Prata lévanos dende a ponte nova á ponte vella por un fermoso camiño, e vale a pena para peregrinos e camiñantes volver a vista atrás e pararse a contemplar a impoñente silueta desta ponte do s.XIX.

Coordenadas: 42°40'53.1"N 8°12'23.6"W

 

Ponte Taboada Nova
Mapa