OBSERVATORIO ASTRONÓMICO

Está situado no que foi xardín da casa do fillo ilustre de Lalín, D. Ramón María Aller Ulloa convertida dende o ano 1986 no museo municipal que leva o seu nome.

    D. Ramón empezou facendo observacións dende a galería da casa, (primeiro observatorio). No ano 1911 xa tiña labrado un nome no eido da astronomía e foi convidado polo empresario e mecenas Luis de Ocharan Mazas a trasladarse, sobre todo no verán, ó seu observatorio de Castro Urdiales. Estas estadías que tiveron lugar entre 1911 e 1920, permitíronlle traballar con instrumentos de alta calidade e motivaron a D. Ramón a construír o seu propio observatorio en Lalín. Así, entre 1912 e 1917 construíu dúas casetas de madeira no xardín (segundo observatorio) para albergar o seu instrumental e levar a cabo as súas observacións, investigacións e estudos. No 1923, e con vistas a instalar un telescopio refractor Steinhel de 120 mm, fixo os planos para unha nova construción que contase con unha cúpula, necesaria para acoller este instrumento. O novo observatorio foi rematado no ano 1924, converténdose así no primeiro de Galicia.

    No novo emprazamento continúa unha produtiva actividade investigadora ata que, en 1943, os instrumentos son trasladados ó Observatorio da Universidade de Santiago de Compostela (do cal é nomeado director).

    A edificación é restaurada no 2010, coidando de manter o mesmo revestimento interno de madeira da cúpula primitiva pero dotándoa dun sistema de apertura e xiro automáticos. Equípase con un moderno telescopio Planewave de 0,51m de apertura. Hoxe en día acolle actividades periódicas de difusión e educación no eido da astronomía.

     

    Horario:

    Luns a venres               Sábados e domingos

    10:00 - 14:00                Pechado

    16:00 - 20:30

     

    Enderezo:                    Rúa Ramón Aller, 9 - 36500 Lalín

    Teléfono:                     986 784 004

    Correo electrónico:      museo@lalin.gal

    Coordenadas:              42°39'40.1"N 8°06'47.9"W

     

    Observatorio
    Mapa