PAZO DE LIÑARES

Pazo de estilo barroco do século XVII. Foi casa dos Taboada, unha das linaxes mais importantes de Galicia.

Estivo habitado ata principios do século XX, pero a súa época de maior esplendor foi no século XIX, cando persoas senlleiras da época pasan tempadas nel. Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán introducen o Pazo na literatura. Neste pazo naceu e foi bautizado Joaquín Loriga Taboada, quen no 1926 formou parte do raid aéreo Madrid – Manila, o que representou un fito na historia da aviación.

Nos anos 20 do século pasado o derradeiro representante da familia Taboada ten que abandonar o pazo e mudarse a Santiago. A partir de aquí comeza un proceso de cambio de propietarios que desemboca no paulatino deterioro da construción. No ano 2002 é comprado polo Concello de Lalín coa intención de salvalo da ruína e preservalo como referencia histórica da comarca. En 2009 é  declarado BIC (Ben de Interese Cultural), na categoría de monumento histórico. No ano 2011, comezan as obras de restauración  en colaboración co Ministerio de Fomento, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. A inauguración oficial do pazo para o desfrute público ten lugar a finais do ano 2014 coa súa posta en valor como contedor cultural e referencia arquitectónica da comarca de Deza.

O conxunto actual do pazo, está composto polo edificio principal e dous conxuntos anexos, a capela e o obradoiro por un lado e o forno e o alpendre por outro, rodeado por un muro circundante de pedra.

No edificio principal cabe destacar a beleza da solaina na fachada posterior, a lareira no interior e o escudo coas armas dos Churruchaos, Mosquera, López de Lemos, e Taboada na fachada principal.

Acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, vinculado ao Museo Provincial de Pontevedra, que conta entre outras con área de exposición dos achados e laboratorio de tratamento e catalogación dos mesmos.

Tamén nas dependencias do pazo se atopa o Museo Galego da Marioneta, referencia museística única en Galicia que conta con dúas salas de exposición de monicreques e marionetas, así como unha das bibliotecas especializadas mais completas de España. (Atención: as exposicións do Museo da Marioneta non están dispoñibles neste momento)

Sala Loriga, espazo adicado á memoria do fillo ilustre Joaquín Loriga Taboada, nado neste mesmo Pazo e gran referente da aviación española, un dos fitos máis importantes da súa traxectoria é o voo Madrid - Manila no 1926 xunto con Esteve e Gallarza formando a Patrulla Elcano.

Ademais existen espazos multifuncionais, como o antigo salón nobre, no que campan as restauradas pinturas e os blasóns do teito, e onde se levan a cabo distintos eventos culturais como actuacións musicais e teatrais, conferencias, exposicións temporais, etc.

 

Horario: 

De martes a xoves          De venres a domingo          Luns pechado

11:00 a 14:00                  11:00 a 14:00

17:00 a 20:00                  17:00 a 21:00

Visitas:

De balde

Grupos con reserva previa

 

Enderezo:             Liñares, s/n - 36512 Prado (Lalín)

Teléfono:              986 181 423

Coordenadas:      42°40'48.1"N 8°11'30.0"W

Ver máis fotos

Pazo de Liñares
Mapa