ANTIGA FÁBRICA DE PAPEL DE RODÍS

Este edificio situado na parroquia de Rodís é unha grande nave industrial construída en cadeirado de pedra, con teito a dúas augas, e con medio cento de ventás . O conxunto está rodeado por outros edificios máis pequenos. Atópase sobre unha das ribeiras do río Barbán, afluente do Arnego.

Crese que na súa construción puido participar Juan Cendón Carballal, quen xa estivera presente na edificación de dúas fábricas, Lavandeira e Bouteiro, na zona de O Carballiño. Utilizando a información da obra, “Historia del papel en España” de Gonzalo Gayoso Carreira, pódese deducir que a fábrica comezou a súa produción de papel cara a 1850, pero a falta de documentación da época fai que a historia deste edificio sexa practicamente descoñecida.

Probablemente todo o laborioso proceso de produción de papel fose feito por mulleres, dende a preparación dos trapos, materia prima fundamental por aquel entón para a fabricación do papel, ata o secado das follas. O período de actividade foi mais ben curto, duns 50 anos, xa que en 1880 iniciouse en España a elaboración de papel a partires de pasta de madeira e isto supuxo a fin da maioría das fábricas tradicionais existentes.

Hoxe en día, unha das antigas salas de secado está rehabilitada como vivenda, na que habitan os actuais propietarios.

Nas súas inmediacións pode observarse un exemplar bicentenario de árbore do incenso (Juniperus thurifera) que se considera único en Galicia.

 

FABRICA DE PAPEL DE RODÍS
Mapa