CAMIÑO DO SUESTE - VIA DA PRATA

O Camiño do Sueste é unha prolongación da Vía da Prata, calzada romana que unía Sevilla (Hispalis) e Astorga (Asturica Augusta). No século XIII, tras a reconquista  da maior parte do territorio andalusí, é utilizada como ruta de peregrinación por andaluces e estremeños. Chegados á localidade zamorana de Granja de Moreruela continuaban ata Astorga para sumarse ao Camiño Francés ou ben tomaban a desviación por Puebla de Sanabria (de ahí o nome Camiño Sanabrés). Este camiño ao entrar en Galiza polo sueste, tamén recolle aos peregrinos procedentes do norte de Portugal.

Tras percorrer terras ourensás entra na provincia de Pontevedra e na comarca de Deza polo concello de Dozón. A 7 km, o primeiro núcleo que atopamos do concello de Lalín é a aldea de Puxallos, parroquia de Catasós, onde se atopa a capela de S. Roque. Atravesamos o río Asneiro en Pontenoufe, na parroquia de A Xesta, no lugar homónimo está a capela de S. Bieito, continuamos por Medelo. Xa na parroquia de Botos chegamos ao lugar de A Estación (dende aquí, o núcleo urbano de Lalín, está a 4,1 km ascendendo pola estrada PO-534). Para continuar no camiño debemos cruzar esta estrada e a man dereita seguir cara a Baxán, Botos e O Porto ata chegar ao cruce coa estrada EP-6001 (á dereita, seguindo esta estrada, atopamos Lalín a 3,5 km). Continuamos de fronte, por un camiño empedrado, e xa na parroquia de Donsión atravesamos Eirexe coa súa fermosa igrexa barroca. Seguimos por Campo e tras atravesar o Rego das Cabirtas chegamos ao albergue de A Laxe, na parroquia de Bendoiro.

A partir de A Laxe abandonamos a N-525 e pasamos por Vilasoa, Campo e Bendoiro de Abaixo. Na parroquia de Prado atopamos o lugar do mesmo nome, este lugar conta con tendas onde aprovisionarse así como farmacia, e servizos de hostalería. Seguimos o camiño, paralelo á nacional, ata atopar a estrada EP- 6004. Á man esquerda, a 250 m. está o Pazo de Liñares (Ben de Interés Cultural que alberga o Museo Galego da Marioneta. Visitable). Continuamos camiño polo lugar de A Borralla, seguindo o trazado da estrada vella. Chegamos a un punto no que a abandonamos para coller un camiño, que por debaixo da ponte do ferrocarril nos leva á ponte medieval de Taboada, atravesamos o río Deza por ela deixando atrás o concello de Lalín para entrar en terras de Silleda.

Servizos do Camiño

Ligazón de interese

 

Ponte Taboada Vía da Prata
Mapa