Á DEUSA DEZA

Autor: Acisclo Manzano

Ano: 1994

Materiais: Bronce e granito

Localización: Rotonda de confluencia das rúas Ponte, Xosé Cuiña, Corredoira e Avda. de Cruces

Coordenadas: 42º39'53.9''N 8º07'05.7''W

Descrición:

Nalgunha ocasión ten falado o autor do moito que lle gusta dende neno levanta-la cabeza para gozar das esculturas que máis admira, como a grega ou a do Pórtico da Gloria; quizais por este motivo case tódalas súas esculturas estean no alto, coma esta Venus de Deza, elevada sobre dun piar cilíndrico de formigón. Acisclo reduce o corpo humano a unha forma case que abstracta para presentarnos o fragmento dun torso de feminidade levemente insinuada a traveso dunha ondulación das formas que evocan unha coiraza. Por medio do tratamento do bronce, nacen as suaves curvas no estilizado talle da deusa - ménade Dezá. O escultor ourensán combina a convexidade coas granulacións e traballa con distintas platinas de óxido bañando a peza en matices de cor. Como se doutra realidade se tratara, e, de feito, colocada detrás e dándolle as costas, aparece unha figuriña de moucho de tratamento e solución claramente distinta e deliberadamente moito máis figurativa. Dende mediados dos 60, os torsos femininos cubertos con túnicas convértense nun dos temas recorrentes na obra de Acisclo. Unha vez máis o artista desenvolve un dos temas predilectos do seu repertorio iconográfico; as imaxes extraídas do mundo clásico e helenístico gregos. Apuntar como curiosidade que as xentes de Lalín teñen bautizado esta peza coma "A folla de bacallao".

(Texto: Alicia Fernández Dapena)

 

 

Á Deusa Deza
Mapa