SERRA DO CANDÁN

Esta zona declarada LIC (Lugar de Interese Comunitario) de 10.699 hectáreas, compartidas cos municipios de Beariz, Forcarei, O Irixo e Silleda comprende no concello de Lalín parte da parroquia de Vilatuxe e a totalidade da de Zobra.

A Serra do Candán forma paisaxes de media montaña cunha especial orografía na que podemos destacar picos como o monte Coco (969 m.) ou o Uceiro (1004 m.), sendo o máis alto San Bieito con 1015 metros de altitude. Nesta serra nacen os ríos Lerez e Umia, na vertente oeste, e numerosos regatos que cara o leste verten as súas augas no curso alto do río Deza, formando fermosas fervenzas. Este río, xunto co Arnego e o Ulla define a idiosincrasia da comarca de Deza.

Estas características favorecen a existencia de especies de flora e fauna  de gran valor ecolóxico. Nos vales encaixados medran as fragas de maior tamaño da provincia de Pontevedra, formadas por árbores autóctonas, carballos, acivros, abeleiras... xunto a elas, especies de menor tamaño como arandeiras,   rascacús así como diversas especies endémicas. Nas ladeiras mais altas a vexetación é de monte baixo , uces, carqueixas, toxos...Cabe destacar tamén a existencia de zonas de turbeiras nas que medran plantas de alto valor botánico como a drossera ou a árnica. Todo este conxunto ofrece unha espectacular gama de cores que vai variando ao longo do ano.

Entre a fauna podemos destacar especies emblemáticas como o lobo, o gato bravo ou o bufo real, que conta en Galicia con moi poucas parellas. Os ornitólogos atoparán na Serra do Candán unha gran riqueza de aves, coa presenza de martiño peixeiro, merlo rieiro, papuxa montesa, ouriolo, avenoiteira, rapiña cinsenta, miñato abelleiro, falcón pequeno, gatafornela, moucho de orellas, entre moitos outros. Numerosos réptiles e anfibios coma  o lagarto das silveiras, a píntega común ou o sapo raxado  tamén están presentes nesta Serra.

A orografía, de vales estreitos e fondos polos que discorren regatos atravesados por pontellas de lousa ou madeira,  dificultou a agricultura. Desenrolándose oficios e actividades como carboeiros, tecedeiras, cultivo e fiado de liño ou a  apicultura. Como testemuña da ancestral labor apícola, consérvase na zona unha das maiores concentracións de alvarizas do noroeste ibérico, sendo hoxe en día o mel un dos seus produtos máis recoñecidos.

Posteriormente, a explotación das minas de estaño fixo que, na súa época,  a localidade de A Trigueira fose das máis prósperas do municipio sendo das primeiras en ter luz eléctrica, conservándose aínda hoxe  construcións daqueles tempos reconvertidas para aproveitamento turístico.

Como chegar

Dende Lalín collemos a estrada PO-534 en dirección a Pontevedra, dende a rotonda do campo de fútbol en Donramiro percorremos 7,8 quilómetros por esta estrada ata chegar a localidade de Vilatuxe onde temos que coller un desvío, á esquerda cara a Gondoriz / Moa / Bustelos / Parroquia de Zobra, seguimos 9,2 quilómetros por esta estrada, ata chegar a Zobra.

Coordenadas aldea de Zobra: 42°34'02.3"N 8°12'08.7"W

Coordenadas aldea de Bustelos: 42°35'11.1"N 8°14'36.8"W

candan
Mapa