SOBREIRAIS DO ARNEGO

Zona declarada ZEC (Zona Especial de Conservación) de 1.124 hectáreas, compartidas cos municipios de Agolada e Vila de Cruces, comprende no concello de Lalín parte das parroquias de A Veiga, Cadrón, Galegos, Muimenta, Parada e Rodís. Esténdese polas ladeiras do treito medio e inferior do val do río Arnego ata a súa desembocadura no encoro de Portodemouros, no río Ulla.

A sobreira, presente en Galicia só nas zonas máis abrigadas dos vales fluviais, ten nas beiras deste río un dos bosques mixtos mellor conservados e máis extensos da comunidade, algúns dos exemplares chegan ata os 25 metros de altura. A existencia desta especie e de outras como o érbedo é posible nesta zona gracias as condicións climáticas de tipo mediterráneo.

Durante séculos a cortiza extraída destas sobreiras foi aproveitada entre outras utilidades para a fabricación de  cortizos para as abellas. Nesta zona séguese mantendo a tradición da extraer a cortiza, labor levada a cabo por especialistas vidos de Portugal, país con gran tradición corticeira.

Algunhas especies de fauna, ameazadas, atopan neste lugar un refuxio para a súa supervivencia, especialmente aquelas asociadas ao curso do río como a lontra, a aguaneira ou o mexillón de río que ten no Arnego unha das súas últimas poboacións de cría de todo Europa.

 

sobreirais do arnego
Mapa