DONSIÓN (Santa Baia)

 

A súa primitiva igrexa foi substituída no século XVIII polo actual templo, de estilo barroco. Mandouno construír no ano 1731 Cayetano Gil Taboada, bispo de Lugo e arcebispo de Santiago, cumprindo así o mandato testamentario do seu tío, Felipe Antonio Gil Taboada. Este último, nacido nesta parroquia, concretamente no Pazo de Bergazos, foi gobernador real con Felipe V, ademáis de Bispo de Osma e Arcebispo de Sevilla.

A execución do templo estivo a cargo de mestres do barroco compostelán. É un edificio que chama a atención polas súas notables dimensións. O campanario está dividido en dous pisos, o inferior cadrado e o superior octogonal rematado en cúpula.

No interior da igrexa destacan un fermoso retablo realizado polo entallador de Chapa, Silvestre Colmeiro, e os enterramentos dos Gil Taboada, coas súas armas, as cales, figuran así mesmo noutros sepulcros arrimados aos muros da igrexa.

 

Como chegar:

Dende Lalín coller a estrada N-525 en dirección a Santiago de Compostela. Dende a rotonda das Queimadas percorrer 1,5 quilómetros ata chegar ao desvío, á esquerda, cara a Donsión. Collelo e continuar durante 1,4 quilómetros máis ata atopar a igrexa, á esquerda.

 

 

Igrexa Santa Baia de Donsión
Mapa