GOIÁS (San Miguel)

A igrexa é unha xoia románica do século XII e conserva desta época varios elementos. A portada principal está composta por tres arcos, os laterais son cegos e o central abucinado con dúas arquivoltas de medio punto que descansan sobre columnas acaroadas con capiteis de grandes follas coas puntas dobladas formando volutas.

A porta lateral do muro sur presenta unha arquivolta decorada con bolas que descansa en dúas columnas con capiteis de follas, o tímpano está decorado con cinco pequenos arquiños.

A ábsida é semicircular e está dividida en tres partes por columas que chegan ata a cornixa. En cada sección ábrese unha ventá seteira de unha arquivolta decorada con bolas, apoiada en columnas con capiteis vexetais. A parte superior da ábsida é unha ampliación posterior. Tanto na ábsida coma nas fachadas norte e sur, as cornixas decóranse con canzorros en naveta.

Nas fachadas laterais foron adosadas cadansúa capela funeraria de estilo renacentista, datadas nos séculos XVI-XVII. Nos seus muros poden verse os escudos nobiliarios de algunhos dos linaxes máis representativos da comarca.

No interior, o arco triunfal de medio punto apoiase en columnas de capiteis con grandes follas coas puntas dobradas facendo volutas e bases decoradas con arquiños. Na capela dos Salgado-Gundín hai varios enterramentos dos García-Sánchez, un deles con estatua orante. Na nave central sitúase un sepulcro con estatua xacente dun cabaleiro da casa de Beilás que estaba inicialmente situado na capela do lado sur, que agora alberga a imaxe da virxe do Rosario.

 

Como chegar:

Dende Lalín coller a N-640 en dirección a Agolada/Lugo. Dende a rotonda inferior do centro comercial Deza,  percorrer 1,4 quilómetros ata atopar, á dereita, o desvío cara a igrexa. Collelo e seguir  durante 500 metros ata atopar un cruceiro, á esquerda. Coller ese desvío por enriba do cruceiro. A  igrexa atópase 160 metros despois.

 

Igrexa San Miguel de Goiás
Mapa