LALÍN DE ARRIBA (San Martiño)

Houbo neste lugar un mosteiro fundado no século X, era un mostiero mixto aínda que con dous edifcios separados pola  igrexa. O mosteiro  desapareceu como tal no século XIV, quedando a igrexa. 

Conserva da súa fábrica do século XII a ábsida (modificada ao engadirlle a sacristía, que é moderna) rectangular, na que se pode ver unha ventá dunha arquivolta sobre columnas de capiteis decorados, un deles con cunchas de vieira, no centro unha seteira cegada.

A fachada occidental tamén se conserva na súa totalidade, a portada con arco de medio punto con dúas arquivoltas soportadas por dous pares de columnas acaroadas, os capiteis e as bases das exteriores non teñen decoración os das interiores si. O tímpano é liso. Remata a fachada unha espadana dun só arco.

Nos muros de ambos lados consérvase a cornixa con canzorros de diferentes formas, así como as ventás seteiras no muro norte.

No interior o arco triunfal de medio punto sobre columnas con bases decoradas con garras e capiteis vexetais.

Moi preto dela atópase o cruceiro mais antigo do municipio datado no 1675. 

 

Como chegar

Está no casco urbano de Lalín,  na Rúa do Cruceiro.

 

 

Mapa