Igrexa de Losón (Santa Baia)

Segundo consta na inscrición situada nun contraforte, esta igrexa comezou a construírse no ano 1165. Foi reformada ó longo dos séculos e posúe unha fachada neoclásica.

Conserva de estilo románico a ábsida, de gran beleza, construída no ano 1171 tal como se deduce doutra inscrición. É pentagonal con columnas arrimadas nos ángulos e nas ventás, que constan de unha arquivolta sobre columnas, con seteira central. A arquivolta das ventás laterais está formada por seis pequenos arcos mentres que a da central é lisa. As columnas que as sustentan teñen todas capiteis decorados.

No interior, o arco triunfal tamén románico, está sostido por columnas con capiteis florais e bases con garras. A cúpula do presbiterio loce pinturas murais con represantacións do sol, a lúa e as estrelas que aparentemente continúan por detrás do retablo tamén policromado.

Tanto no interior coma no exterior hai sepulturas  da casa de Brenzos, a de Vasco Taboada con estatua orante e pedra de armas, falecido en 1643, e varias da casa de Liñares entre elas a do pioneiro da aviación Joaquín Loriga Taboada falecido no 1927.

 

Coordenadas:      42°44'42.3"N 8°12'31.6"W

 

Igrexa Santa Baia de Losón
Mapa