Santuario da Nosa Señora de O Corpiño

Igrexa de estilo neoclásico situada na parroquia de Losón. A súa curiosa construción aparenta ter dúas fachadas. Foi construída ó longo do século XVIII sobre o solar da antiga capela das Aparicións. A sancristía, a capela maior e o camarín da Virxe foron construídos en 1746, a cúpula en 1768 e as capelas laterais en 1790. En 1867 remodélase o conxunto coa construción da fachada posterior e en 1900 remátase o atrio. Destacan as súas esquinas con columnas e a gran cornixa que remata o arranque de dúas torres. O campanario é de dobre corpo, o máis baixo cadrado e o superior octogonal rematado en cúpula. Tamén destaca o seu gran ciborio na nave central, coa lanterna sobre a cúpula.

Ó longo do ano 2017 foron restauradas as pinturas da bóveda e o retablo do altar maior, datadas en 1857 e que estaban deterioradas polo fume das velas e por actuacións inadecuadas anteriores.

Trátase dun dos santuarios marianos máis antigos e concorridos da Galicia, visitado por miles de fieis durante todo o ano, famoso por curar os males da cabeza e do espírito, por quitar o meigallo, e en tempos, por ser escenario de exorcismos ás súas portas. Especialmente concorrida é a romaría que se celebra os días 23 e 24 de xuño, e o chamado Corpiño de Inverno ou Corpiño Pequeno, o 25 de Marzo.

No exterior, o visitante pode mercar recordos de tipo relixioso, produtos tradicionais como as rosquillas, ou desfrutar da gastronomía nos numerosos establecementos próximos, sendo moi típica a degustación dos callos.

Moi cerca, atópase a igrexa parroquial de Santa Baia, cunha interesante ábsida pentagonal románica e onde repousan os restos do afamado aviador Loriga.

 

Coordenadas:      42°44'42.3"N 8°12'54.9"W

 

Mapa