MUSEO GALEGO DA MARIONETA

Ao longo deste museo, as visitas percorrerán o mundo máxico dos monicreques e marionetas a través das salas de exposicións permanentes e temporais, ademais atoparán unha das bibliotecas especializadas mais completas do Estado, con libros, carteis, fotos, vídeos, etc.

A xénese deste recinto remóntase ao ano 1998 data na que se fixo no Museo Municipal “Ramón Mª Aller” unha exposición conmemorativa do décimo quinto aniversario da estrea do primeiro espectáculo da compañía “Viravolta Títeres”.

No ano 2001, froito dun convenio de colaboración suscrito entre o Concello de Lalín e Viravolta Títeres inaugúrase o Museo Galego da Marioneta como espazo permanente para mostrar a colección de monicreques, pero tamén para fomentar o goce, investigación, estudo e recuperación da arte dos títeres. Así, o museo vai ampliando os seus fondos coa incorporación de novas pezas, libros, vídeos e outros materiais sobre esta materia, converténdose en referencia ineludible para todos os interesados no mundo do monicreque; mantén unha programación estable cara ao público, organizando talleres de iniciación, cursos para profesionais dos monicreques e da educación e mostras de teatro de monicreques e outras actividades coma o Titerentroido,Titirideza,Ruada e Cantos e Contos do Nadal.

En setembro de 2014, traslada a súa sede ao Pazo de Liñares, onde está ubicado actualmente.

 

 

Como chegar:

Dende Lalín coller a N-525 en dirección a Santiago de Compostela, seguimos por esta estrada 8 quilómetros, ata pasar a localidade de Prado, collemos á esquerda, o desvío cara a Gresande / Vilatuxe, e a 400 metros, tamén á esquerda, atopamos o aparcamento do Pazo de Liñares, no interior deste ten as súas salas o museo.

 

Horario de visitas:

De luns a domingos

11:00 a 14:00

17:00 a 20:00

Visita de balde. Grupos con reserva previa.

Enderezo:       Liñares, s/n , Prado - 36512  Lalín

Teléfono:         986 784 694

E-mail:            museodamarioneta@lalin.gal

Web:               http://museodamarioneta.wordpress.com

Mapa