PAZO DE LIÑARES

Pazo de Liñares

 

Pazo de estilo barroco do século XVII. Foi casa dos Taboada, unha das liñaxes máis importantes de Galicia.

Estivo habitado ata principios do século XX, pero a súa época de maior esplendor foi no século XIX, cando persoas senlleiras da época pasan tempadas nel. Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán introducen o Pazo na literatura. Neste pazo naceu e foi bautizado Joaquín Loriga Taboada, quen no 1926 formou parte do raid aéreo Madrid – Manila, o que representou un fito na historia da aviación.

Nos anos 20 do século pasado o derradeiro representante da familia Taboada ten que abandonar o pazo e mudarse a Santiago. A partir de aquí comeza un proceso de cambio de propietarios que desemboca no paulatino deterioro da construción. No ano 2002 é comprado polo Concello de Lalín coa intención de salvalo da ruína e preservalo como referencia histórica da comarca. En 2009 é  declarado BIC (Ben de Interés Cultural), na categoría de monumento histórico. No ano 2011, comezan as obras de restauración  en colaboración co Ministerio de Fomento, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. A inauguración oficial do pazo para o desfrute público ten lugar a finais do ano 2014 coa súa posta en valor como contedor cultural e referencia arquitectónica da comarca de Deza.

O conxunto actual do pazo, está composto polo edificio principal e dous conxuntos anexos, a capela e o obradoiro por un lado e o forno e o alpendre por outro, rodeado por un muro circundante de pedra.

No edificio principal cabe destacar a beleza da solaina na fachada posterior, a lareira no interior e os escudos de armas dos Churruchaos, López de Lemos, Mosquera e Taboada na fachada principal.

Na planta inferior acolle o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, vinculado ao Museo Provincial de Pontevedra, que conta entre outras con área de exposición dos achados e laboratorio de tratamento e catalogación dos mesmos.

Tamén nesta planta se atopa o Museo Galego da Marioneta, referencia museística única en Galicia repartido en dúas salas de exposición de monicreques e marionetas, e que dispón dunha das bibliotecas especializadas mais completas de España.

Na planta superior pode visitarse a Sala Loriga, espazo adicado á memoria do fillo ilustre Joaquín Loriga Taboada, nado neste mesmo Pazo e gran referente da aviación española, un dos fitos máis importantes da súa traxectoria é o voo Madrid - Manila no 1926 xunto con Esteve e Gallarza formando a Patrulla Elcano.

Outra sala da planta superior é a adicada a José Silvent "Barriga verde", que coa súa barraca e os seus espectáculos percorreu todo o territorio galego durante o século pasado.

Ademáis existen espazos multifuncionais, como o antigo salón nobre, no que campan as restauradas pinturas e os blasóns do teito, e onde se levan a cabo distintos eventos culturais como actuacións musicais e teatrais, conferencias, exposicións temporais, etc.

 

Horario de visitas:

Entrada gratuíta.

Visitas guiadas para grupos, con reserva previa.

De martes a xoves          11:00 a 14:00                17:00 a 20:00

De venres a domingo      11:00 a 14:00                17:00 a 20:00

Luns pechado

 

Enderezo: Liñares, s/n , Prado - 36512 Lalín

Teléfono: 986 181 423

Coordenadas: 42º40'48.1''N 8º11'30.0''W